A Pontenova pon en marcha os novos espazos para familias con crianzas

A Pontenova acollerá desde este mes unha nova edición dos Espazos das familias, unha iniciativa educativa que busca crear puntos de encontro semanais para pais, nais e crianzas de entre 0 e 6 anos. As actividades terán lugar todos os martes ás 17.00 horas no CEIP A Pontenova.
Este proxecto, promovido pola ANPA do centro en colaboración coa asociación socio-educativa Antonio Gandoy, enmárcase no programa Preescolar na casa e ten como finalidade reforzar os vínculos familiares, ofrecer recursos para a crianza e fomentar un espazo aberto ao diálogo e á aprendizaxe compartida.
As sesións estarán conducidas por Olaia Otero Cao, mestra de Educación Infantil, facilitadora de Disciplina Positiva e orientadora familiar. As familias participantes poderán gozar de xogos que estimulan o desenvolvemento infantil, recibir formación específica, resolver dúbidas e compartir experiencias nun ambiente de apoio mutuo.
Desde a organización subliñan que se trata dunha oportunidade para "acompañar ás familias na crianza e poñer en valor a importancia do tempo compartido cos máis pequenos". Para inscribirse ou solicitar máis información, pódese contactar a través dos teléfonos 626 098 702 (Luisa) e 620 175 421 (Lucía) ou no correo electrónico antoniogandoyeducacion@gmail.com.
.