A Pontenova pide a colaboración veciñal para recuperar a memoria mineira no 125 aniversario da Sociedad Minera de Villaodrid

AMariñaXa
O Concello prepara unha exposición fotográfica con imaxes antigas das minas, os trens e a vida laboral e social ligada á explotación mineira
A-Pontenova-fornos-mina-Boulloso-(3)
17 Oct 2025

O Concello da Pontenova vén de lanzar un chamamento á colaboración cidadá con motivo do 125 aniversario da constitución da Sociedad Minera de Villaodrid (S.M.V.), unha efeméride coa que se pretende recoñecer e preservar a memoria mineira do municipio. Co obxectivo de conmemorar esta data, o Concello está a preparar unha exposición fotográfica sobre a historia mineira local e anima á veciñanza a participar achegando imaxes e postais antigas relacionadas con este pasado industrial que marcou a identidade da Pontenova.

Desde o goberno local explican que se buscan fotografías antigas de minas, mineiros, trens e instalacións vinculadas á actividade extractiva, así como imaxes da vida ferroviaria e das infraestruturas que fixeron posible o transporte do mineral: locomotoras de vapor, túneles, pontes, cargadoiros ou os edificios asociados á S.M.V., como talleres, almacéns, o hospital ou a capela de Santa Bárbara.

As imaxes que se cedan de forma temporal serán dixitalizadas e empregadas unicamente con fins expositivos, garantindo que os orixinais serán devoltos aos seus propietarios. Ademais, o Concello comprométese a recoñecer publicamente a autoría das fotografías nos créditos da mostra.

As persoas interesadas poden enviar as imaxes dixitalizadas ao correo turismo@concellodapontenova.org , sempre que conten cunha resolución mínima de 300 ppp. Se non están dixitalizadas, poden entregalas directamente na Oficina de Turismo, onde serán escaneadas e posteriormente devoltas.

Desde o Concello subliñan que “esta exposición é unha oportunidade para reconstruír entre todos a historia compartida da Pontenova, un pasado mineiro que foi motor económico e símbolo de identidade colectiva”. Para máis información, a veciñanza pode contactar co número 982 34 21 01.

⚙ Configurar cookies
0.071175098419189