A Pontenova ofrecerá campamento de verán para nenas e nenos

AMariñaXa
O Concello organiza a actividade en colaboración con O Duviol Deporte cun máximo de 50 prazas por orde de inscrición
campamento-veran-pontenova-2022-1
21 Jun 2025

O Concello da Pontenova lanza unha nova edición do seu campamento de verán dirixido a cativada de entre 3 e 14 anos, que se desenvolverá entre o 14 de xullo e o 14 de agosto en horario de mañá, de 10:00 a 14:00 horas, de luns a venres. A actividade está organizada en colaboración coa empresa O Duviol Deporte, e pretende ofrecer un espazo de lecer, socialización e aprendizaxe durante as vacacións escolares.

As inscricións poderán realizarse do 1 ao 10 de xullo na Casa do Concello ou chamando ao número de teléfono 982 342 277. O número de prazas está limitado a 50, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición, polo que se recomenda ás familias interesadas reservar canto antes.

O campamento conta con dúas modalidades segundo a duración da participación. Para dúas semanas, o prezo é de 30 euros para nenos e nenas empadroadas no municipio e de 70 euros para non empadroados. No caso de optar polo mes completo, os prezos serán de 50 euros para empadroados e 100 euros para o resto.

A programación do campamento incluirá xogos ao aire libre, actividades deportivas, obradoiros creativos e propostas de convivencia orientadas a fomentar valores como o compañeirismo, a integración e o respecto. Dende o Concello destacan que “se trata dunha iniciativa pensada para facilitar a conciliación das familias durante o verán ao tempo que se garante unha oferta lúdica e educativa de calidade para a infancia da Pontenova”.

campamento veran pontenova 2023
⚙ Configurar cookies
0.13776302337646