A Pontenova mobilízase en Lugo contra os recortes en sanidade e educación

AMariñaXa
O Concello e a ANPA convocan unha concentración o 23 de xullo ante a Xunta para denunciar falta de médicos e deficiencias no colexio
A-Pontenova-concello
17 Jul 2025

A veciñanza da Pontenova trasladarase o mércores 23 de xullo ata Lugo para participar nunha concentración convocada polo Concello e pola ANPA do CEIP A Pontenova fronte á sede da Xunta de Galicia, na Ronda da Muralla, a partir das 13.30 horas. A protesta, que contará con transporte gratuíto facilitado polo Concello, pretende visibilizar o malestar cidadán polos recortes nos servizos sanitarios e educativos do municipio.

Entre as principais reivindicacións figuran a falta de persoal médico, o aumento das listas de espera para consultas, que chegan aos 15 días, a supresión dunha aula de infantil no colexio e o deterioro das instalacións do propio centro educativo. “Estas son cuestións básicas que afectan directamente á calidade de vida da nosa veciñanza e que non podemos deixar pasar”, sinalan dende a organización.

O Concello anima a anotarse previamente para garantir unha correcta organización da viaxe, e solicita tamén a colaboración dos comercios e empresas da zona para facilitar a asistencia do seu persoal á mobilización. “A unión fai a forza e estes son dereitos polos que debemos loitar”, subliñan desde o equipo de goberno, presidido polo alcalde Darío Campos Conde.

⚙ Configurar cookies
0.13491106033325