A Pontenova impulsa o I Certame Infantil e Xuvenil de Debuxo ‘Un Nadal Musical’

AMariñaXa
A convocatoria, aberta ata o 19 de decembro, busca fomentar a creatividade e a participación da mocidade arredor da música e das festas do Nadal
Pontenova-certame-debuxo-nadal-2025
1 Dec 2025

A Pontenova vén de poñer en marcha o primeiro Certame Infantil e Xuvenil de Debuxo e Pintura “Un Nadal musical”, unha iniciativa organizada pola Asociación Musical Eco das Minas coa colaboración do Concello e da Escola de Música. O obxectivo principal é promover a expresión artística da rapazada a través de creacións inspiradas na temática musical e no espírito do Nadal.

O concurso está dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 15 anos, distribuídos en tres categorías: Mini trazos (de 3 a 5 anos), Peque artistas (de 6 a 10 anos) e Xoves mestres (de 11 a 15 anos). Cada participante poderá presentar unha única obra, realizada en cartolina A4, empregando técnica libre. No reverso da creación deberán figurar o nome, apelidos, idade, categoría e teléfono de contacto.

O prazo para entregar os debuxos permanecerá aberto ata o 19 de decembro, podendo depositarse no espazo habilitado na Escola de Música durante o seu horario lectivo. Todos os traballos recibirán un accésit e un pequeno agasallo, ademais dos premios específicos para os tres primeiros postos de cada categoría, consistentes en material de pintura.

Desde a organización destacan que este certame “quere incentivar a creatividade, reforzar o vínculo da mocidade coa música e crear un espazo de participación para as familias nestas datas tan especiais”. Así mesmo, lembran que o xurado estará composto por profesionais de diferentes ámbitos culturais, e que o seu fallo —inapelable— se dará a coñecer entre o 20 e o 22 de decembro. A entrega de premios terá lugar o día 27 de decembro, no Salón de Actos da Casa da Cultura, coincidindo coa clausura da obra de teatro de María Balteira.

As obras presentadas pasarán a ser propiedade da Asociación Eco das Minas e do Concello, e serán expostas posteriormente na Escola de Música de A Pontenova. A participación no certame implica a aceptación íntegra das bases.

⚙ Configurar cookies
0.075833797454834