A Pontenova impulsa axudas económicas para apoiar a natalidade e ás familias con menores

AMariñaXa
O Concello abre o prazo para solicitar achegas de ata 400 euros por nacemento, adopción ou primeira matriculación escolar
bebe-recen-nacido-natalidade
20 Jan 2026

O Concello da Pontenova vén de activar unha nova convocatoria de axudas destinadas a fomentar a natalidade e apoiar ás familias con nenos e nenas ao seu cargo, unha medida coa que o goberno local busca reforzar o apoio social e contribuír a fixar poboación no municipio.

Estas achegas están dirixidas a proxenitores —sexan matrimonios, parellas de feito ou familias monoparentais— con fillos menores de tres anos nados entre o 1 de decembro de 2025 e o 31 de decembro de 2025, así como a nacementos producidos entre o 1 de decembro de 2022 e o 31 de decembro de 2022 no caso da liña vinculada á primeira matrícula escolar. Tamén poderán beneficiarse as persoas adoptantes de nenos e nenas de ata seis anos.

A axuda contempla 400 euros por cada nacemento ou adopción, aos que se poderán sumar outros 400 euros anuais no momento da primeira matrícula do menor no CEIP da Pontenova. Para acceder a estas prestacións será necesario acreditar residencia efectiva no municipio durante polo menos doce meses antes do nacemento ou adopción, así como manter o empadroamento e estar ao día das obrigas tributarias municipais.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro do Concello xunto coa documentación requirida, entre a que se inclúen certificados de nacemento ou adopción, empadroamento, matrícula escolar e datos bancarios. O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 31 de xaneiro de 2026.

Desde o Concello lembran que as persoas interesadas poden obter máis información nos Servizos Sociais municipais ou a través do teléfono habilitado, destacando que esta iniciativa forma parte dunha estratexia máis ampla de apoio ás familias e de promoción do benestar social na Pontenova.

⚙ Configurar cookies
0.084530115127563