A Pontenova estrea en agosto un renovado parque infantil na praza dos Fornos

A Pontenova terá un novo parque infantil na praza dos Fornos antes de que remate o mes de agosto. Así o confirmou o Concello, que impulsou esta actuación coa intención de renovar por completo unha das principais áreas de lecer infantil da localidade.
As obras consistiron na retirada total do antigo parque e na instalación dun novo equipamento, con xogos máis modernos e seguros. “Substituíuse todo o mobiliario, só se mantivo a rede de escalada trenzada porque estaba en bo estado e segue sendo moi utilizada polos nenos”, explican fontes municipais.
O novo espazo contará con randeeiras, tobogáns e outros elementos de xogo que permitirán ás crianzas desfrutar dun espazo lúdico máis atractivo, adaptado aos estándares actuais de seguridade e accesibilidade. Desde o Concello destacan que se trata dun investimento pensado para mellorar a calidade de vida das familias e dinamizar o uso deste espazo público emblemático da vila.
O remate dos traballos está previsto para finais de agosto, coincidindo co regreso das familias tras as vacacións de verán, nun momento no que a actividade infantil nas rúas volve ser protagonista.