A Pontenova énchese de tradición coa XVIII Feira de Antigüidades e Artesanía e a IX Xuntanza de Vehículos Clásicos

AMariñaXa
Un total de 59 expositores, demostracións en vivo e unha mostra histórica marcarán a programación desta ponte da Constitución na Praza dos Fornos.
XVIII-Feira-de-Antiguidades-e-Artesania-Pontenova-2025-3
6 Dec 2025

A Pontenova converterase esta fin de semana nun punto de encontro para amantes das antigüidades, da artesanía e do motor clásico. A Praza dos Fornos acolle desde este venres a XVIII Feira de Antigüidades e Artesanía, que se celebra de maneira simultánea coa IX Xuntanza de Vespas, motos e coches clásicos, configurando unha das citas máis destacadas da ponte da Constitución na comarca.

O deputado de Medio Ambiente, Carlos López, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, participaron no acto inaugural, no que puxeron en valor o dinamismo e o atractivo dun evento que reúne tradición, creatividade e impulso económico local. López subliñou que esta feira “é un excelente exemplo de como a artesanía e a memoria colectiva poden contribuír a fortalecer o territorio, apoiar aos nosos creadores e promover o turismo”.

Nesta edición participan 59 postos entre anticuarios e artesáns, que ofrecen os seus produtos en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 21.00 horas —agás o domingo, cando pecharán ás 20.00 horas—. Ademais da venda de pezas antigas e obxectos únicos, o público poderá gozar de demostracións en directo de oficios tradicionais como a forxa de ferro, a cestería, o coiro, a pintura, o torno de madeira ou a creación de xoias e lámpadas elaboradas con cabazas.

Como actividade destacada, a feira inclúe tamén a exposición fotográfica O legado das minas, organizada para conmemorar o 125 aniversario da Sociedade Mineira Vilaodriz, un repaso visual á historia industrial que marcou o desenvolvemento do municipio.

A organización agarda unha alta afluencia de visitantes ao longo dos tres días, consolidando esta feira como unha das propostas culturais e comerciais máis apreciadas da Pontenova.

⚙ Configurar cookies
0.18964695930481