A Pontenova énchese de espírito festivo coa programación de Nadal da Chocolateira

AMariñaXa
A Asociación Musical Eco das Minas ofrece actividades culturais e familiares durante todo o mes de decembro e comezos de xaneiro
nadal-nenos-festa-actividades
8 Dec 2025

A Asociación Musical Eco das Minas, coñecida como A Chocolateira, vén de anunciar a súa programación especial para este Nadal, unha proposta diversa que combina tradición, creatividade e participación cidadá. As actividades desenvolveranse en diferentes espazos de A Pontenova ao longo do mes de decembro e comezos de xaneiro.

O calendario de actos arrinca co I Certame de Debuxo, pensado para fomentar a expresión artística entre a mocidade. O prazo de presentación das obras permanecerá aberto do 1 ao 19 de decembro, con dúas categorías diferenciadas: infantil e xuvenil.

A programación continuará o luns 22 de decembro, de 17:00 a 18:30 horas, cun obradoiro infantil na Casa das Asociacións. A actividade incluirá un kamishibai —teatriño de papel— cun conto de Nadal de Ray Bradbury ilustrado por Rocío Fdez, e completarase cunha sesión de manualidades inspiradas na historia. O prezo será de 10 euros para socios e 20 euros para non socios, e a entidade habilitou o teléfono 659 354 645 para información e inscricións.

O sábado 27 de decembro, ás 17:30 horas, será a quenda do teatro no Salón de Actos da Casa da Cultura. A función correrá a cargo de María Balteira, bailadora e artista escénica, que ofrecerá un espectáculo dirixido especialmente ao público familiar. A entrada será de balde, co obxectivo de facilitar o acceso a todas as persoas interesadas.

A programación pecharase o sábado 3 de xaneiro, cando as rúas da vila se encherán de música cos tradicionais Cantos de Reis, interpretados pola agrupación da Chocolateira, unha actividade que cada ano reúne a numerosos veciños e veciñas arredor da tradición.

Coa posta en marcha deste programa, a Asociación Musical Eco das Minas reafirma o seu compromiso co dinamismo cultural de A Pontenova e coa promoción de actividades destinadas a todos os públicos ao longo das festas de Nadal.

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.079748868942261