A Pontenova ten aberto o prazo de axudas para o sector forestal
O Concello da Pontenova vén de informar que ten aberto o prazo de axudas para as pequenas e medianas empresas do sector forestal.
Poderán beneficiarse todos os que utilicen a madeiras e os seus derivados como a resina, cortiza ou outros produtos, exceptuando os alimentarios, como materia prima para a elaboración.
Con esta liña de axudas poderase mercar a maquinaria nova vinculada a procesos de transformación de produtos de orixen forestal como os de secadoiro ou outros tratamentos e acabamentos da madeira, obras e instalacións necesarias para o correcto funcionamento, equipamento, implantación e certificación da cadea de custodia, servizos, bens, etc.
Os investimentos subvencionaranse cunha axuda do 50% dos gastos elexibles, e a axuda máxima por solicitantes limitarase a 200.000 euros.
Os solicitantes teñen de prazo ata o 8 de agosto e para máis información haberá que acudir ao Concello ou chamar ao 982 342 277.