A Pontenova contará cunha das tirolinas máis longas de Galicia
Este proxecto trata de recrear e acondicionar a antiga instalación mineira e adaptala para a organización de actividades culturais, deportivas, educativas e recreativas.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde da Pontenova, Darío Campos, presentaron nesta localidade o proxecto do novo complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso, que inclúe a que será unha das tirolinas máis longas de Galicia, con máis de 330 metros de lonxitude e a 50 metros de altura. A institución provincial achega 300.000 euros para esta dotación, que se suma, entre outros investimentos, aos preto de 2M€ que a entidade dedica á construción do Centro de Atención de Maiores do concello, un proxecto en proceso de contratación que o Presidente e o rexedor presentaron o mes pasado.
“É unha satisfacción volver á Pontenova en tan pouco tempo para presentar proxectos tan importantes para os veciños e veciñas deste concello da Mariña e da provincia de Lugo”, subliñou José Tomé no acto de presentación da tirolina.
“Penso que esta tirolina se vai consolidar como un referente do ocio activo e familiar na provincia, pero tamén fóra nas nosas fronteiras. Polo tanto, vai situar nun novo nivel á xa moi interesante oferta turística da Pontenova”, dixo o Presidente da Deputación na súa intervención.
José Tomé detallou que “estamos a falar dunha obra importante e singular”. Explicou que é “importante” tanto polo investimento económico, porque a Deputación de Lugo aporta 300.000€ para que este novo recurso de lecer e turístico sexa posible, e ademais cede o tramo de estrada provincial no ámbito de influencia da tirolina; e importante tamén porque “a tirolina que se instalará no complexo será das máis longas de Galicia, con máis de 330 metros de percorrido, entre a mina Consuelo e o forno de Boulloso”.
Concretou, así mesmo, que é “singular” pola súa localización, “xa que contribúe a recuperar para o ocio e o desfrute dos veciños e visitantes a ruta que facían as vagonetas con mineral das vellas minas da comarca. Deste xeito, unimos ocio e cultura, impulso do turismo e promoción da nosa historia”, afirmou Tomé Roca.
O Presidente lembrou que o turismo relacionado coa arqueoloxía industrial está experimentando un avance importante en España e en Europa. “A recuperación de vellas minas, de percorridos por ferrocarril ou de instalacións industriais dos séculos XVIII e XIX estase convertendo nunha ferramenta para dinamizar o turismo no rural ou en lugares que non están nas rutas maioritarias”, sinalou o mandatario provincial.
Ademais, evidenciou que o proxecto para instalar unha tirolina na Pontenova encaixa co modelo de turismo “sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo para toda a provincia. Un turismo non masificado, que respecta e recupera as nosas tradicións, e que pon en valor o rico e diverso patrimonio da provincia”, lembrou. Nas súas palabras tamén explicou que “o turismo é unha fonte de riqueza e de xeración de emprego para o rural, e, desta forma, contribúe a fixar poboación, e incentiva ás xeracións máis novas a desenvolver proxectos empresariais nese entorno”.
O proxecto
O complexo histórico-recreativo da mina Consuelo-Boulloso será máis que un parque de aventuras. Está pensado para que as persoas vivan unha experiencia única, con encanto, un espazo para o lecer integrado na natureza e que aproveita o legado mineiro da vila para o goce dos visitantes dende múltiples puntos de vista: cultural, deportivo, educativo e recreativo.
A tirolina recrea o antigo funicular aéreo da mina e será un elemento máis dentro dun conxunto de actividades enlazadas entre si. Agárdase que sexa unha experiencia moi atractiva e que se construirá ata 50 metros por riba do chan e terá máis de 330 metros de lonxitude, sendo unha das tirolinas máis grandes de Galicia. Atravesará o río Turia, cruzando da ladeira da mina Consuelo ata a mina do Boulloso.
A espeleoloxía, xunto co sendeirismo, tamén serán outras das actividades que se fomentará no novo complexo.