A Pontenova celebrará o Magosto 2025 cunha ruta de outono e xantar popular na Praza dos Fornos

AMariñaXa
A cita terá lugar o domingo 16 de novembro e incluirá unha camiñada, empanada, castañas asadas e música tradicional
1-magosto-pontenova-2021
27 Oct 2025

O Concello da Pontenova e o C.I.T. local organizan unha nova edición do Magosto da Pontenova, unha das citas máis agardadas do outono, que se celebrará o domingo 16 de novembro, a partir das 10:00 horas, na Praza dos Fornos. A actividade combina natureza, gastronomía e tradición nun ambiente de convivencia que cada ano reúne a veciños e visitantes.

A xornada comezará coa concentración dos participantes na Praza dos Fornos ás 10:00 horas, desde onde partirán os autobuses cara ao punto de inicio da ruta de sendeirismo. O percorrido, pensado para todos os públicos, permitirá gozar das cores e aromas do outono na contorna natural da Pontenova.

Sobre as 14:00 horas, os camiñantes regresarán á Praza dos Fornos, onde os agardará un xantar popular con empanada e castañas asadas, acompañado de bo ambiente e música. A organización anima a participar nesta festa “que mantén viva unha das tradicións máis queridas do outono galego”.

A inscrición ten un prezo de 7 euros por participante, que inclúe o transporte, seguro e xantar. O pagamento debe realizarse na conta de ABANCA (ES96 2080 0137 4130 4000 1688), indicando no concepto Magosto 2025 e o nome das persoas inscritas. O prazo para anotarse remata o xoves 13 de novembro.

Desde o Concello destacan que o Magosto “é unha ocasión perfecta para saír ao monte, compartir tempo cos veciños e degustar as castañas asadas como se fixo sempre na Pontenova”. A actividade conta coa colaboración da Casa da Cultura e dos establecementos locais, que se implican activamente nesta cita que xa é sinal de identidade da vila.

⚙ Configurar cookies
0.070246934890747