A Pontenova celebra do 3 ao 6 de outubro as súas festas coa tradicional Queima dos Fornos

A Pontenova xa ten todo preparado para gozar das súas festas grandes, que se celebrarán do 3 ao 6 de outubro cun programa no que a música e a tradición serán protagonistas. A cita máis esperada será a XXVII edición da Queima dos Fornos, que terá lugar na noite do sábado 4, a partir das 00:30 horas, converténdose unha vez máis nun dos eventos máis simbólicos do municipio.
As celebracións comezarán o venres 3 cunha verbena a cargo do Grupo Fénix, acompañados polos espectáculos de Bombardero e Pedro Brmudz. O sábado 4 a programación inclúe sesión vermú, pasarrúas e verbena coa orquestra Solara, ademais da actuación da Charanga A Chocolatera e o espectáculo de Bombardero, antes da Queima dos Fornos, que atraerá veciños e visitantes.
O domingo 5 será o turno da Banda de Música local, que ofrecerá a súa actuación pola mañá, e xa pola noite subirán ao escenario EGS El Gran Showman, Costa Dorada e Pedro Brmudz, garantindo unha velada chea de ritmo. Para pechar as festas, o luns 6 haberá sesión vermú co Dúo Belinda.
Desde a organización destacan que se trata dunha ocasión para xuntar á veciñanza e tamén a quen se achegue doutros concellos, reforzando así o carácter aberto e festivo da Pontenova.