A Pontenova celebra a cultura galega coa VIII Foliada da Chocolateira

AMariñaXa
O evento celebrarase os días 6 e 7 de xuño con música tradicional, mercado artesanal, gastronomía e actividades para toda a familia
Muiñeira clases baile tradicional
19 May 2025

A vila da Pontenova converterase un ano máis nun referente da cultura popular coa VIII edición da Foliada da Chocolateira, organizada pola asociación musical homónima, coa colaboración da Deputación de Lugo e o Concello da Pontenova. Esta celebración, que terá lugar os días 6 e 7 de xuño, mestura tradición, música, reivindicación social e convivencia.

A programación comeza o venres 6, cunha actuación inaugural de A Chocolateira ás 19:30 h e a proxección do documental "Lévame a Idea" ás 20:00 h. Esta peza audiovisual, dirixida por Laura Varela, Iria Villares e Vanesa Siso, aborda desde unha perspectiva feminista o papel esencial das mulleres na conservación da poesía, o canto e a tradición oral galega.

O sábado 7 arrinca ás 11:30 h coa apertura do mercado artesanal e da taberna, seguido dun completo programa con baile tradicional a cargo de Adrián Méndez (De Ninghures), música con A Chocolateira, sesión vermú co grupo A Tropical Eonaviega, e actividades como xogos tradicionais, billarda ou espectáculos infantís.

A oferta gastronómica estará asegurada grazas á presenza de Food Track Cimosvan e á colaboración dos restaurantes locais. A xornada culminará coa música de Tradigüal ás 19:30 h e o concerto final de Fiandola ás 22:00 h, dentro do programa Xunt@s polo serán.

A VIII Foliada promete unha fin de semana aberta á participación, cun ambiente festivo e inclusivo para todos os públicos, celebrando as raíces culturais da nosa terra.

⚙ Configurar cookies
0.15548992156982