A Pontenova aposta pola innovación dixital para mellorar a calidade de vida da veciñanza maior

O Concello da Pontenova vén de poñer en marcha o proxecto Territorio Rural Intelixente, unha ambiciosa iniciativa financiada con 191.800 euros que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida das persoas maiores a través das novas tecnoloxías e da recuperación de espazos comunitarios.
O acto de presentación desenvolveuse na aula de informática da Casa da Cultura, onde se explicaron os obxectivos e as diferentes fases do plan. Un dos elementos centrais da proposta é o acondicionamento do antigo colexio de Vilameá, que será transformado nun centro social adaptado ás necesidades da poboación sénior, con espazos para o encontro, a aprendizaxe e a atención personalizada.
Un dos momentos máis emotivos da xornada foi a entrega de tabletas personalizadas a quince veciños e veciñas das distintas parroquias do municipio, todos eles con idades comprendidas entre os 72 e os 98 anos. Estes dispositivos inclúen unha aplicación de videoasistencia, pensada para facilitar o contacto coas profesionais dos servizos sociais e favorecer o seguimento continuo do seu benestar.
As traballadoras sociais municipais acompañaron o proceso de entrega e serán as encargadas de facer o seguimento individualizado das persoas participantes. O obxectivo, explican desde o Concello, é fomentar a autonomía das persoas maiores e mellorar a súa conexión co entorno social e familiar, reducindo así situacións de illamento ou dependencia.
Desde o equipo de goberno destacan que o proxecto Territorio Rural Intelixente supón “un paso adiante cara a un rural máis inclusivo, conectado e con futuro”. Subliñan tamén que a iniciativa é só o comezo dun programa máis amplo que buscará consolidar o uso da tecnoloxía como ferramenta de benestar nas zonas con envellecemento demográfico.