A Pontenova aposta pola formación ecolóxica coa celebración dun curso de hortas de primavera-verán

AMariñaXa
O obradoiro, que terá lugar os días 7 e 8 de xuño, ensinará técnicas sostibles para o cultivo doméstico de hortalizas
enxerto-poda-xardin
1 Jun 2025

O Concello da Pontenova organiza os días 7 e 8 de xuño un curso formativo centrado nos cultivos propios das estacións de primavera e verán, dirixido a todas aquelas persoas interesadas en aprender ou mellorar as súas habilidades no manexo dunha horta doméstica. A actividade, de carácter teórico-práctico, celebrarase en horario de 10:00 a 14:00 horas e será impartida polo experto J.C. Llamazares Díaz.

Este curso, promovido coa colaboración da Área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, pretende formar aos asistentes nas principais técnicas de cultivo hortícola, poñendo o foco na sustentabilidade, o coidado do solo e o aproveitamento responsable dos recursos naturais. Para asistir, é necesario inscribirse antes do 5 de xuño no teléfono 982 34 22 77.

O programa inclúe contidos fundamentais como a preparación do terreo, a planificación e elección das especies vexetais segundo a tempada, o uso adecuado de sementes ou plántulas, e o manexo de ferramentas e sistemas de rego. Tamén se abordarán cuestións de compostaxe, fertilización ecolóxica e prevención de pragas mediante tratamentos naturais.

Ademais, os participantes aprenderán a identificar danos comúns nas plantacións e a aplicar normas básicas de seguridade e hixiene. A formación terá tamén un apartado específico sobre prácticas de loita biolóxica e os efectos dos factores abióticos nos cultivos.

Con esta iniciativa, A Pontenova reafirma o seu compromiso coa educación ambiental, fomentando o autoconsumo responsable e a conservación da biodiversidade local.

⚙ Configurar cookies
0.16476702690125