'A Pontenova acollerá a presentación do libro 'Para que non estíñe a memoria das avoas

A Casa da Cultura da Pontenova será escenario o vindeiro sábado 27 de setembro, ás 12.00 horas, da presentación do libro 'Para que non estíñe a memoria das avoas', da escritora Xulia Marqués. A publicación recupera a memoria de Perfecta Ogaza Fontangordo, coñecida como Pichula, e reivindica o papel das mulleres maiores como depositarias dunha herdanza cultural e vital que non debe caer no esquecemento.
No acto intervirán Darío Campos, alcalde da Pontenova; Valentín García, secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia; Belén Castro, profesora da USC e exvicedecana da Facultade de Ciencias da Educación de Santiago de Compostela; e a propia autora. A presentación estará amenizada coa música da agrupación folclórica Colexiata do Sar de Santiago de Compostela, que porá a nota tradicional á xornada.
A entrada será libre e, tras o acto, celebrarase un xantar en honra a Perfecta Ogaza Fontangordo, previsto para as 14.30 horas no local das asociacións, con servizo a cargo do restaurante San Briz. O prezo será de 27 euros, con reserva previa nos puntos habilitados, como a cafetería da Casa da Cultura ou varias librarías da zona.
Este encontro pretende ser unha homenaxe colectiva á memoria das mulleres que, como Pichula, contribuíron a manter vivas as raíces dunha comunidade que mira ao futuro sen esquecer o seu pasado.