A Pontenova acolle unha nova edición da Feira de Artesanía e Antigüidades e da Xuntanza de vespas e vehículos clásicos
A Pontenova acollerá os días 8, 9 e 10 de decembro a celebración da XVI edición da Feira de Artesanía e Antigüidades. Esta cita terá lugar na praza dos
Fornos, onde se instalarán 30 anticuarios, e no local da casa da cultura, onde haberá 35 artesáns e postos de alimentación.
A entrada é totalmente gratuíta e poderase desfrutar ademais dunha exposición de cestaría cedida polo Centro de Artesanía de Lugo. Esta mostra será sobre cestaría que está organizada pola artesá María Otero Folgueira.
Así mesmo, contarán coa presenza de artesáns que realizarán talleres en vivo como o de cestaría de vimbio, lámpadas de cabaza, ferreiros, torno de madeira, xoiaría ou coiro.
O horario de visita será o todos os días de 11.00 a 14.00 e de 16. a 21.00 agás o domingo que se pechará unha hora antes. O sábado 9 ás 20.00 horas procederase á inauguración oficial.
Tamén o sábado 9 e domingo 10 celebrarase a sétima Xuntanza de vespas, motos e coches clásicos, na que haberá unha comida de irmandade no restaurante San Briz.
Para participar nesta cita haberá que facer a inscrición na praza dos Fornos a partir das 11.00 horas e será de 17 euros por vehículo cun vale de desconto de 5 euros.
Ademais contarán con trofeos para o vehículo máis antigo, o mellor conservado, o máis lonxano e o máis veterano.