A Pontenova acolle este sábado o terceiro sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”

Este sábado, 15 de novembro, A Pontenova converterase no epicentro da campaña De compras polo comercio da Mariña Lucense, impulsada pola Federación de Comerciantes da Mariña (FCAM). A localidade acollerá o terceiro sorteo desta iniciativa, na que se repartirán 500 euros en vales de compra entre a clientela participante.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado, lembra que poderán participar todas as persoas que realicen as súas compras entre o 10 e o 15 de novembro nos establecementos asociados a Acisa Ribadeo e á Asociación de Comerciantes da Pontenova. Para obter as papeletas, deberán achegarse á Praza do Concello da Pontenova, entre as 19:00 e as 20:00 horas, onde se entregará un boleto por cada tícket presentado. O sorteo celebrarase a partir das 20:00 horas e incluirá tres premios: vales de 250, 150 e 100 euros.
Cruzado destaca que esta campaña pretende “facer unha aposta decidida polo pequeno comercio, polo que temos preto das nosas casas”, e salienta que para darlle maior visibilidade contan coa presenza de profesionais recoñecidos no ámbito da comunicación, do deporte, da literatura ou do cinema. O obxectivo, explica, é que estas persoas sexan “un reclamo comercial” e contribúan a atraer visitantes.
Esta fin de semana chegarán a Ribadeo e A Pontenova Almudena Navarro, comunicadora de Cadena 100, dj e presentadora de televisión; José Real, xornalista e responsable dos informativos do programa Buenos días Javi y Mar; e Arsenio Coto, profesional con máis de tres décadas de traxectoria en medios escritos e audiovisuais.
A presidenta da FCAM e de Acisa Ribadeo adianta que durante a xornada do sábado percorrerán xunto aos convidados diversos comercios locais e enclaves turísticos de Ribadeo. Pola noite, desprazaranse á Pontenova para participar no sorteo, onde tamén terán ocasión de coñecer o patrimonio e degustar a gastronomía da zona.
Desde a FCAM fan un chamamento á clientela de Ribadeo e A Pontenova para asistir ao evento, lembrando que “a Mariña conta cun tecido comercial e hostaleiro de gran calidade, que sorprende a quen nos visita en calquera época do ano”. A entidade subliña o seu obxectivo de seguir fortalecendo o comercio local e ampliar a colaboración con máis asociacións da comarca para organizar actividades que impulsen a economía mariñá.