A Pontenova acolle a presentación do libro “Espiritualidade” cun encontro aberto ao diálogo

A Casa da Cultura da Pontenova será escenario este venres, 20 de febreiro, da presentación do libro Espiritualidade, unha obra colectiva na que participan oito autores con traxectorias e visións diversas, pero cun fío común: a busca da unión a través do pensamento e da reflexión compartida. O encontro celebrarase no Salón de Actos ás 20.30 horas e está concibido como unha cita aberta á participación e ao diálogo.
O acto contará coa presenza especial de Xosé Vázquez Peinó, que protagonizará unha tertulia e coloquio en primeira persoa arredor dos contidos do libro e das distintas maneiras de entender a espiritualidade desde perspectivas plurais. A proposta pretende ir máis alá dunha presentación convencional para converterse nun espazo de intercambio, no que o público tamén poida achegar as súas reflexións.
Segundo se destaca desde a organización, Espiritualidade nace da vontade de tender pontes entre diferentes ideoloxías e sensibilidades, apostando pola palabra como ferramenta para compartir, comprender e unir. A obra propón unha mirada ampla e integradora, afastada de visións únicas, e convida á reflexión persoal e colectiva.
O Concello da Pontenova colabora nesta iniciativa cultural, que busca fomentar encontros que contribúan ao pensamento crítico e ao diálogo sereno. A presentación preséntase así como unha oportunidade para compartir inquietudes, abrir conversas e fortalecer lazos a través da cultura e da palabra.