A Ponte de Arante prepárase para vivir unha nova edición da tradicional festa das Cruces

AMariñaXa
O evento, declarado de Interese Turístico Galego, celebrarase o 7 e 8 de xuño cun amplo programa cultural, musical e gastronómico
cartel-as-cruces-arante-5-5-2023
27 May 2025

A parroquia da Ponte de Arante xa conta as horas para acoller unha nova edición da emblemática Festa das Cruces, unha celebración con fondas raíces relixiosas e populares que en 2025 chega cargada de actividades e que está recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego.

Os actos darán comezo o sábado 7 de xuño cun pregón a cargo do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, ás 20:00 horas. A continuación, o cantautor galego Emilio Rúa porá a nota musical á primeira xornada cun concerto aberto ao público.

O domingo 8 de xuño será a xornada grande. Ás 12:00 celebrarase a tradicional bendición dos campos, seguida da procesión, o bandeo do pendón e a reverencia das cruces, nun acto ambientado pola música do Cuarteto Illa Pancha e culminado cunha misa solemne.

O día continuará coa sesión vermú ás 14:00 horas, a cargo do Grupo D'Cano no seu “Impulso Tour 2025”. Ás 15:00 terá lugar a V Comida Romaxe das Cruces, servida pola recoñecida Pulpería Suso. O menú ten un prezo de 30 euros para adultos, sendo de balde para nenos menores de 10 anos. As reservas poden facerse a través dos teléfonos indicados no cartel.

Pola tarde, ás 18:00 horas, o público poderá gozar dunha representación da tradicional batalla histórica a cargo dos Recreadores de Galicia. A festa rematará cun novo pase do Grupo D'Cano e, como prato forte, o concerto da coñecida cantante Lucía Pérez ás 20:00 horas.

A Comisión de Festas de As Cruces de Arante organiza o evento, que conta co apoio do Concello de Ribadeo, a Xunta de Galicia e varias entidades colaboradoras.

⚙ Configurar cookies
0.16668510437012