A Policía Nacional visita o campamento de verán infantil do Concello de Viveiro

AMariñaXa
Os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de cerca algúns dos recursos que utiliza a Policía no día a día
viveiro-policia-nacional
9 Jul 2025

O colexio Lois Tobío, onde arredor de 100 nenas e nenos participan no campamento de verán organizado polo Concello de Viveiro, acolleu unha visita especial da Policía Nacional. Os axentes da Unidade de Participación Cidadá da Comisaría de Viveiro achegáronse ás instalacións para compartir unha xornada educativa e lúdica cos máis pequenos.

Durante a visita, os policías impartiron unha pequena charla adaptada á idade dos menores, na que explicaron a importancia da seguridade, o respecto ás normas e o papel que desempeña a Policía Nacional na sociedade. Ademais, repartiron materiais didácticos e carnés de Policía Infantil con diferentes recomendacións de seguridade, tamén adaptados para os nenos e nenas.

Os participantes tiveron a oportunidade de coñecer de cerca algúns dos recursos que utiliza a Policía no seu día a día, como os vehículos patrulla e o equipamento, o que xerou gran curiosidade e entusiasmo entre os asistentes. A xornada rematou cunha ronda de preguntas e unha sesión de fotos cos axentes.

 

⚙ Configurar cookies
0.14947295188904