A Policía Local de Viveiro disporá dun vehículo cedido pola DGT
A Policía Local de Viveiro disporá este ano 2022 dun vehículo cedido pola DGT mediante unha cesión temporal, grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e a Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo.
Así, os axentes de Policía Local contarán cun vehículo rotulado da ‘Dirección General de Tráfico’ e equipado para levar a cabo as labores de vixiancia e control da circulación de vehículos nas vías do municipio, sinalización e intervención en accidentes de tráfico, e tamén para a participación nas diferentes campañas que a DGT pon en marcha ao longo do ano.
Dando resposta ás demandas veciñais dun maior control da velocidade en determinadas vías de Viveiro, o vehículo contribuirá a mellorar a seguridade viaria no concello, tanto dos conductores como dos peóns.
A esta cesión tamén hai que engadir outros equipos, como é o caso dun cinemómetro Autovelox, outro Multanova, dun etilómetro de precisión ou evidencia e dun etilómetro dixital ou de aproximación.
A velocidade é un factor clave na seguridade viaria que, segundo os datos da DGT, a nivel estatal está presente no 23% dos accidentes mortais. En canto ao alcohol, o 25% das mortes en estradas europeas están relacionadas coa presenza de alcohol nos conductores.
A Policía Local de Viveiro levará a cabo, durante o ano 2022, diferentes controis policiais nas vías urbanas da súa competencia, coa finalidade principal da prevención, tanto de previr que personas que consumiran alcohol ou drogas circulen ó volante polas estradas, como de evitar os excesos de velocidade polas rúas do municipio.
A versatilidade do cinemómetro Autovelox, que tanto pode ser usado incorporado a un vehículo como nun trípode a pé de estrada, permite aos axentes establecer controis de velocidade naquelas rúas mais sensibles, tanto pola vulnerabilidade da maioría dos seus usuarios, como polas queixas recibidas pola cidadanía. Así é o caso de rúas de tráfico compartido por vehículos e peóns, zonas de paseos marítimos, áreas de influencia escolar, zonas 30 Km/h, etc.
O xefe da Policía Local de Viveiro destaca a importancia destes convenios de colaboración para mellorar a seguridade viaria, e pon en valor o compromiso adquirido tanto polo Concello, a través da súa alcaldesa, María Loureiro, como da Xefatura Provincial de Tráfico de Lugo, a través do seu Xefe Provincial.