A Plataforma Sanitaria retoma a Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións
A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia que retoma a actividade da Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións, UMAR, suspendida por mor da pandemia. Este dispositivo móbil consiste nunha mesa que se coloca na entrada principal do hospital, por regra xeral, o primeiro martes de cada mes e nun centro de saúde rotatorio o terceiro martes de mes.
As actividades que desenvolven nas mesas son diversas, máis fundamentalmente dan información á veciñanza sobre os tempos excesivos de agarda ou sobre derivacións cara á capital para procedementos que ben poderían terse feito no hospital, e que moitas veces envíanse a centros privados. Outra das actividades que desenvolven é a redacción e rexistro de reclamacións individuais e/ ou colectivas, referentes a tempos de espera e tamén pola falta de cobertura de profesionais, merma dos servizos que se dan á poboación ou supresión dos mesmos, tanto en primaria como no hospital.
A data para comezar con esta actividade será o martes 15 de febreiro no Centro de Saúde de Viveiro en horario de 11.00 a 13.00 horas. "Elexiuse esta localidade para retomar a actividade dado que existe un problema de falta de cobertura de facultativos tanto en quenda de mañá coma de tarde de xeito crónico e continuado, orixinándose numerosos problemas para a atención, tanto polo número de persoas que teñen que ver por quenda e profesional, coma polos inasumibles tempos de agarda para unha consulta, chegándose nalgúns casos aos dezaseis días de espera", di a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro.
Desde este colectivo animan aos veciños a que se acheguen ata o centro de saúde o próximo martes, para facer efectiva a súa reclamación