A Plataforma Sanitaria recollerá sinaturas no Hospital da Mariña
A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia que a Unidade Móbil de Axuda coas Reclamacións (UMAR) retoma a súa actividade habitual tras un pequeño descanso estival, e desprazarase á entrada principal do Hospital da Mariña o próximo martes 6 de setembro de 11 a 13 horas.
Os activistas sanitarios a maiores de informar, redactarán reclamacións sobre agardas excesivas para consultas, probas diagnósticas ou intervencións e daranlles posteriormente rexistro oficial. Simultáneamente farase unha recollida de sinaturas para a ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria.
A Plataforma Sanitaria fará coincidir este dispositivo móbil coa recollida de sinaturas para levar ao Parlamento a ILP de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a Atención Primaria. Esta ILP , que foi presentada na comarca o pasado 12 de xullo ante os medios de comunicación, tenta a recollida dun mínimo de dez mil sinaturas para poder ser debatida en sesión parlamentaria.
O texto incide en medidas tan importantes como a mellora da estrutura e funcionamento dos centros de saúde, urxencias hospitalarias e servizo de ambulancias, garantir a presencialidade e calidade na atención primaria, dotar de autonomía a xestión de Atención Primaria, garantir e fomentar a participación cidadá, rematar coas listas de agarda en primaria ou proporcionar unha atención sanitaria en igualdade eliminando a fenda de xénero na atención sanitaria , entre outras.
Desde o colectivo sanitario animan ás veciñas e veciños con excesivos atrasos na súa atención , que se acheguen o proximo martes ata a entrada principal do hospital para facer efectiva a súa reclamación . A coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, fai tamén un chamamento á poboación mariñá para que “ acudan de forma masiva a apoiar coa súa sinatura esta ILP que salve a Atención Primaria do abismo no que está sumida”.