A Plataforma Sanitaria recollerá sinaturas en apoio á sanidade pública

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria estará o 9 de novembro na entrada principal do Hospital da mariña recollendo sinaturas en apoio á sanidade pública.
hospital a marina costa burela
7 Nov 2021

A Plataforma Sanitaria da Mariña anuncia que a segunda mesa informativa cara á manifestación do 14 de novembro en Compostela colocarase o próximo martes 9 de novembro na porta principal do hospital da Mariña, ás 12 horas.

O acto pretende informar a veciñas e veciños dos motivos para mobilizarse en defensa dunha sanidade pública de calidade e nomeadamente da Atención Primaria, que "nestes momentos atópase nunha situación de desmantelamento completo, con falta de profesionais, sobrecarga de traballo por ter que asumir pacientes de compañeiros que piden permisos sen cubrir, orzamentos escasos, e xornadas laborais con pacientes a atender inasumibles. Nesta mesa tamén faremos unha recollida de sinaturas para plasmar a necesidade de acometer profundas reformas do sistema e para manifestar o noso apoio á mobilización", din dende o colectivo sanitario.

Haberá autobuses gratuítos para acudir á manifestación desde a comarca e para anotarse haberá que chamar aos teléfonos 982 140 654 77, 982 581 861 e 667 052 058. O último día para anotarse será o xoves 11 de novembro.

DERIVACIÓNS AO HULA POR FALTA DE CAMAS NO HOSPITAL DA MARIÑA.

O colectivo sanitario tivo coñecemento de que se está a derivar pacientes da Mariña cara ao HULA por falta de camas no hospital da Mariña. "Levamos moito tempo dicindo que a ampliación acometida no hospital era moi necesaria máis insuficiente, pois estamos a ver que non resolve os problemas desta comarca. Sempre aseguramos que non iba chegar para un territorio de setenta mil habitantes, máis tivo que facerse aprisa e correndo, sen escoitar nin ter en conta as necesidades, xa que ante a presión social da Mariña as e os representantes políticos do PP na Mariña puxeron a Feixoo nunha situación comprometida”, refiren os activistas sanitarios.

"Esto é outro motivo máis para acudir masivamente á manifestación do 14 de novembro, pois é a presión social , e solo ela quen fai mudar a vontade privatizadora do goberno da Xunta", engaden.

0.19825196266174