A Plataforma Sanitaria organiza unha concentración para denunciar a falta de pediatras
A Plataforma Sanitaria da Mariña organiza unha concentración diante do centro de saúde de Viveiro o vindeiro domingo ás 12 horas para denunciar a falta de pediatras.
O acto reivindicativo , en formato de performance, consiste en que as veciñas e veciños acompañados das crianzas acudan ao centro de saúde cun boneco ou peluche ; os activistas do colectivo sanitario repartirán babeiros de papel para colocarlle aos bonecos cunha mensaxe reivindicativa. "Depositaremos os bonecos cos babeiros postos diante do centro sanitario".
Malia que a situación afecta a prácticamente todas as localidades , a situación máis grave está a darse nestes días en Viveiro, pois faltan os dous pediatras que atenden o centro de saúde. "Neste centro aténdense máis de mil seiscentas crianzas e a carencia no servizo afecta tamén ás localidades veciñas de Ourol e Vicedo. A situación de desesperación levou a varias familias a denunciar a situación diante dos medios de comunicación e a contactar coa Plataforma Sanitaria para solicitar axuda", din dende a Plataforma.
O colectivo sanitario foi informado de que a primeira cita dispoñible para pediatra en Viveiro é para o día 2 de decembro e que se está a derivar ás crianzas cara ao servizo de urxencias ante a imposibilidade de ser vistas por un/ha facultativo en Viveiro. Segundo comenta a coordinadora da plataforma, Montse Porteiro, a situación é crítica e promovida polo desleixo continuado do Sergas e o goberno da Xunta durante trece anos ,” que non puxeron os medios para solucionalo de xeito deliberado e formando parte dunha estratexia destrutora da sanidade pública dirixida á privatización da sanidade”. As palabras verquidas recentemente pola xerenta do Sergas advertindo que temos que acostumbrarnos a que non haxa pediatras nos centro de saúde son absolutamente escandalosas e “confirman o que vimos advertindo desde este colectivo en relación ao desmantelamento da sanidade pública , incidindo de xeito máis virulento sobre a Atención Primaria , xa que esta é a base do sistema sanitario ; o desmantelamento deste nivel asistencial fará que a atención hospitalaria caia coma un castelo de naipes”- conclúen desde o colectivo.
A Plataforma Sanitaria tamén redactará reclamacións colectivas demandando cobertura dos pediatras
Nesta concentración a Plataforma Sanitaria redactará tamén reclamacións colectivas nas que se demanda a cobertura dos pediatras ausentes, dándoselle rexistro posteriormente no Hospital da Mariña.
Animamos a todas as veciñas e veciños a que se acheguen ao centro de saúde a participar deste acto reivindicativo de xeito multitudinario e que fagan efectiva a súa reclamación , xa que a loita colectiva e quen de lograr que se fagan realidade as nosas demandas.