A Plataforma sanitaria denuncia o peche de camas e quirófanos no hospital

TerraChaXa | AMariñaXa
13 Xul 2019

Desde a Plataforma Sanitaria denuncian e rexeitan o peche de camas no Hospital da Mariña e a redución da actividade nos quirófanos durante o verán. Afirman que se procedeu por orde da Xerencia ao peche de 9 camas na unidade de hospitalización de Cirurxía e outras 9 na de Traumatoloxía “ao que temos que sumar as 12 camas pechadas por obras, é dicir 30 camas en total”.
Tamén denuncia publicamente a redución da actividade cirúrxica. "Soamente haberá dous quirófanos programados e un quirófano urxente ao día", afirman.
Estas medidas provocan un incremento das listas de espera fomentando a derivación de doentes á sanidade privada para cumprir a Lei de Garantías. A lei di que teñen que ser atendidos en 60 días para intervencións cirúrxicas e en 45 para consultas u probas diagnósticas . “A imposibilidade de cumprir eses tempos na sanidade pública favorecerá a súa derivación á privada, que é onde serán atendidas”- manifesta o portavoz do colectivo.
Outra das consecuencias será o aumento do traslado e ingreso de pacientes do Hospital de Burela a Lugo, unha práctica que levan facendo durante os últimos meses e que esta a provocar o malestar das persoas afectadas e familias que se ven obrigadas a desprazamentos innecesarios por mor dunha mala planificación da Xerencia nun Hospital que remata de ser ampliado.
Ademais, denuncian que por mor do peche de camas producirase un recorte de persoal nas devanditas unidades de hospitalización, suprimindo unha enfermeira e unha TCAE nas quendas de mañá, tarde e de noite (na que unha soa enfermeira e unha soa TCAE serán as responsábeis de prestar os coidados a 15 pacientes, e asumir as posibles urxencias e complicacións a maiores do traballo programado
SEN TRABALLADORA SOCIAL NO HOSPITAL. A Plataforma Sanitaria da Mariña ao mesmo tempo denuncia que o Hospital da Mariña quedou dende primeiros de xullo sen a única Traballadora Social durante dous meses, en concreto durante os meses de xullo e agosto ao non cubrir o SERGAS a súa ausencia, a pesares de existir persoas dispoñibles nas listas de contratación (autonómicas) para cubrir esta categoría profesional.
Os traballadores e traballadoras sociais desempeñan un papel esencial e imprescindible e cumpre poñer en valor o seu traballo”- explica a coordinadora da Plataforma, e esta decisión do SERGAS de non cubrir a súa ausencia amosa por unha parte o desleixo cara a atención sociosanitaria na Mariña e o nulo recoñecemento por parte da administración ao traballo que desenrolan nas equipas multidisciplinares tanto de Atención Primaria como de Atención Especializada”.
CENTROS DE SAÚDE. A Plataforma Sanitaria xa ten denunciado en numerosas ocasións que sistematicamente, ano tras ano, as vacacións que por dereito lles corresponden ao persoal dos Centros de Saúdes non se cubrían. Esta circunstancia leva a un evidente deterioro na atención sanitaria aos pacientes debido a unha acumulación de traballo do persoal do centro ao ter que asumir a atención dos pacientes asignados aos outros profesionais. Se a isto lle sumamos que en época estival a poboación da Mariña duplícase ou triplícase podemos sacar a conclusión de que a situación agravase moitísimo máis producíndose un auténtico colapso na que afecta á calidade asistencial. “Non se pode prestar unha asistencia sanitaria de calidade cando os profesionais teñen que asumir o traballo propio e o de compañeiros que non son substituídos”- afirman.
Denuncian entre outras situacións a falta de tres médicos “en pleno Resurrection” no centro de saúde de Viveiro, a falta de pediatra en Foz, cuberta parcialmente, provocando demoras na atención e aprazamentos dos controis de saúde, a médica de tarde de Foz cuberta só unhas horas ou a ausencia o mércores 10 de xullo de 3 dos 7 médicos en Viveiro.
A Coordinadora da Plataforma, acusa o Presidente da Xunta de ser o "destrutor da sanidade pública da Mariña", como responsable dunhas políticas, encamiñadas a engordar a sanidade privada, que xeran un desastre de tal magnitude que non só provoca críticas por parte dos pacientes senón tamén do "persoal sanitario, de organizacións profesionais e de sindicatos.
O que ten que facer o Presidente da Xunta é deixar de mentir e manipular, de recortar e de privatizar a sanidade pública, e facer un cambio de políticas que pasen por unha maior contratación de persoal, manter todas as camas operativas, e a posta en marcha dun plan en atención primaria, para acabar coa precariedade en sanidad, conclúe Montse Porteiro.
 
 
 

0.18921113014221