A Plataforma Sanitaria denuncia a insuficiencia do servizo de ambulancias en A Mariña

AMariñaXa
O colectivo alerta de que a eliminación do segundo técnico nas ambulancias medicalizadas compromete a atención ás emerxencias nunha comarca con poboación dispersa e infraestruturas limitadas
hospital-a-marina-costa-burela
13 Aug 2025

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de denunciar a grave insuficiencia do servizo de ambulancias na comarca, despois de que este pasado fin de semana a dotación dunha única ambulancia medicalizada resultase claramente insuficiente para atender diversas emerxencias. O colectivo explica que leva anos advertindo desta situación, que afecta directamente ao transporte sanitario extrahospitalario.

A Mariña conta cunha poboación estable de máis de setenta mil habitantes, que nos meses de verán pode superar as dúascentas mil persoas. A comarca dispón dunha soa ambulancia de soporte vital avanzado, encargada de atender todas as emerxencias extrahospitalarias que requiren este servizo. Con todo, esta única unidade tamén realiza traslados interhospitalarios que precisan persoal facultativo, debido á falta de médicos no hospital da Mariña. Durante estes traslados, a comarca queda sen cobertura, deixando sen atención inmediata a pacientes que realmente necesitan o servizo.

Segundo sinala a Plataforma, a situación agrávase pola dispersión da poboación, a dificultade de acceso a moitos lugares e a extensión territorial de oitenta quilómetros, con estradas obsoletas que ralentizan a resposta. A resposta da Xunta ante estes problemas foi, segundo o colectivo, eliminar o segundo técnico de transporte sanitario, unha figura considerada esencial para o correcto desenvolvemento das emerxencias extrahospitalarias. A súa ausencia obriga a recorrer a reforzos de soporte básico, que retiran recursos doutros puntos cando son mobilizados.

Montse Porteiro, coordinadora da plataforma, denuncia que “os servizos públicos no rural son máis complexos e custosos pola dispersión e dificultade de acceso, e a equidade debería ter en conta estas circunstancias, algo que parece esquecido pola administración”.

O colectivo tamén critica o despregue de recursos sanitarios durante a visita dos reis, cando se asignou unha segunda ambulancia medicalizada completa, con dous técnicos, enfermeir@ e médic@, a pesar de estar a cinco minutos do hospital. Para a plataforma, isto evidencia que “a xestión da sanidade pública prioriza privilexios á monarquía mentres recorta á cidadanía, deixando patente a súa visión da equidade na atención sanitaria”.

⚙ Configurar cookies
0.18766307830811