A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia deficiencias na Atención Primaria e Hospitalaria

AMariñaXa
Desde o colectivo sanitario mariñao denuncian tamén a decisión do Sergas de pechar a planta de Medicina Interna
Plataforma-Sanitaria-da-Mariña-manifestación
6 Ago 2024

A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia que durante o verán, e nomeadamente neste mes de agosto, a comarca está a sufrir graves deficiencias na Atención Primaria e Hospitalaria a maiores dos déficits que se veñen producindo durante todo o ano, de xeito que xunto co incremento por tres ou por catro na poboación hai menos servizos sanitarios en todos os niveis asistenciais.

Defenden que Atención Primaria leva anos sen profesionais sanitarios para as persoas desprazadas. “O nivel básico de saúde leva moitos anos xa padecendo os recortes tanto orzamentarios, como de autonomía , de recursos materiais ou de persoal , déficits que se incrementan durante os meses de verán ao tempo que a poboación se multiplica de xeito importante”.

Unido ao feito de que desde hai xa varios anos que non se contrata persoal sanitario para atender ás persoas desprazadas, cargando con este aumento na presión asistencial ás e aos profesionais de plantilla, engádese a falta de cobertura do persoal que se ausenta por vacacións, baixas, xubilacións ou calquera permiso ao que teñen dereito as persoas traballadoras.

Todo isto provoca “axendas interminables e que superan todas as ratios na atención dos pacientes, agardas de ata 20 días ou máis para poder ser atendida nunha consulta médica ou profesionais que teñen que prolongar as súas quendas e sen que nada disto garanta que se poida pedir una cita dun día para outro ou cun máximo de 48 horas agarda, como deberá acontecer sempre neste nivel asistencial.

O nivel hospitalario absorbe os déficits na Primaria e colapsa continuamente. O nivel hospitalario tamén ve mermado o seu normal funcionamento como consecuencia directa do deterioro na atención primaria, que produce continuos colapsos dos Servizo de Urxencias, xa que de xeito continuo ten absorber o que non pode resolver Atención Primaria cos medios dos que dispón. As consecuencias para a poboación tradúcese en horas e horas de agarda para poder ser atendidas, moito máis alá das agardas lóxicas que todas as persoas comprenden e que son resultado da priorización da asistencia pola súa gravidade.

Desde o colectivo sanitario mariñao denuncian tamén a decisión do Sergas de pechar a planta de Medicina Interna, inaudita nunha comarca co triplo ou cuádrupla de poboación nestas datas e dificilmente explicable por ser una unidade médica na que non hai diminución da actividade como pode ocorrer nunha planta cirúrxica e obrigando á derivación cara ao HULA. A maiores , na actualidade o Hospital da Mariña está sen ningún especialista en Uroloxía nin en Cardioloxía.

O que ao entender da Plataforma Sanitaria é “vergoñento e un claro síntoma do que vimos denunciando de xeito continuado desde hai moitos anos e polo que fomos catalogados de alarmistas e mentireiros por parte dos cargos comarcais e nacionais do Partido Popular. Están a cumprirse as nosas peores predicións”, lamentan.

0.18304705619812