A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia o colapso asistencial do verán e prepara novas mobilizacións

AMariñaXa
O colectivo alerta dunha falta “crónica e grave” de persoal e convoca unha concentración en Viveiro o 6 de novembro
reunión-Plataforma-Sanitaria-A-Mariña
3 Nov 2025

A Plataforma Sanitaria da Mariña retomou a súa actividade tras o verán nunha reunión na que comezou a definir o calendario das próximas mobilizacións e analizou a situación sanitaria na comarca. O colectivo sanitario avanzou que xa conta cun primeiro borrador de actos reivindicativos ata comezos de ano, que se irán anunciando conforme se pechen datas e detalles.

Un dos puntos centrais do encontro foi a análise da asistencia sanitaria durante o verán, que, segundo concluíron, “non estivo garantida” debido á falta de substitucións nos centros de saúde da comarca. A práctica totalidade dos centros quedou sen cubrir baixas de profesionais de medicina de familia, pediatría e enfermería, chegando a rexistrarse centros sen persoal facultativo ou con menos da metade do cadro habitual. O colectivo lembrou tamén que, un ano máis, non se reforzou o persoal para atender ás persoas desprazadas que multiplican a poboación durante os meses estivais.

Carlos Fernández Fraga, médico xubilado e membro da Plataforma, advertiu que esta situación responde a unha política “encamiñada a reducir progresivamente a actividade asistencial”. Asegura que os traslados ao HULA para procedementos básicos e ingresos que deberían resolverse no Hospital da Mariña “medran a velocidade de vértixe”, sinalando un retroceso tanto na atención primaria como hospitalaria.

A Plataforma tamén mostrou preocupación pola recente privatización da codificación das altas hospitalarias e da hospitalización a domicilio na Área Sanitaria de Lugo-A Mariña-Monforte, lembrando que supón deixar datos sanitarios sensibles en mans de empresas privadas. Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, advertiu que esta medida “confirma a estratexia privatizadora” da Xunta e alertou do risco que supón para a protección de datos e a calidade do servizo público.

Outro dos asuntos tratados foi o cribado de cancro de mama. A Plataforma amosou inquietude polas recentes informacións sobre fallos na comunicación de resultados en Andalucía e pola negativa da Xunta a compartir datos co Ministerio de Sanidade. Esta falta de transparencia “activa todas as alarmas” e xera “dúbidas e sospeitas” entre a cidadanía, afirmaron.

Como parte do seu calendario de accións, o colectivo convocou unha concentración este xoves 6 de novembro diante do Concello de Viveiro ás 11:30 horas, para reclamar unha atención sanitaria “digna, completa e plenamente dotada”. Xunto coa mobilización, continuará a recollida de sinaturas, que xa superou as 3.000. Samuel Fernández Bouza destacou o “forte apoio social” ao movemento, sinalando que a veciñanza de Viveiro e doutras localidades da comarca “está moi sensibilizada coa falta de profesionais e as consecuencias na saúde e no benestar da poboación”.

⚙ Configurar cookies
0.11614894866943