A Plataforma Sanitaria da Mariña denuncia a falta de atención a un paciente que leva case cinco anos agardando por consulta de uroloxía

AMariñaXa
A familia do paciente insiste na súa reclamación ante a negativa do hospital, mentres a plataforma exixe a subsanación inmediata dunha situación que consideran intolerable
manifestacion-pola-sanidade-Viveiro-2025
10 Mar 2025

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de denunciar a situación pola que está a pasar un paciente que leva agardando máis de cinco anos por unha consulta de uroloxía. Este paciente, que padece problemas de próstata, precisa un seguimento periódico do seu problema, axuste de tratamentos e a realización de probas complementarias, tal e como prescribe o servizo de uroloxía. A súa última revisión foi en outubro de 2019, e desde daquela non se lle fixeron máis controis. A pesar de que a súa filla presentou unha reclamación ao hospital en decembro de 2022, esta non foi atendida, o que provocou que a situación se alargase aínda máis.

A familia, despois de ver que a súa reclamación non foi resolta, contactou novamente coa plataforma sanitaria, que volveu presentar unha nova queixa o 28 de febreiro de 2025, cun rexistro de entrada número 0405, solicitando a inmediata citación do paciente. Non obstante, segundo relata Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, "dez días despois, a dirección do centro e a xerencia non tiveron a decencia de corrixir a situación, nin tan sequera se dignaron a ofrecer unha desculpa ou un propósito de subsanación; é simplemente intolerable."

A gravidade desta situación aumenta polo feito de que o paciente ten antecedentes familiares de cancro de próstata, o que agrava aínda máis a desatención por parte da dirección hospitalaria e a xerencia. A Plataforma Sanitaria da Mariña considera que esta falta de atención pode chegar a ser un acto de temeridade, polo que exixen que se tome acción inmediata e se lle facilite a cita que necesita, asumindo todas as posibles complicacións derivadas da súa neglixencia.

Ademais, desde a plataforma denuncian que, en vez de atender as necesidades sanitarias reais da poboación, a administración "malgasta os cartos da sanidade pública en reportaxes de autobombo nos que se esquecen de explicar á xente da Mariña o que realmente fixeron durante a pandemia."

Por todo isto, desde a Plataforma Sanitaria da Mariña fan un chamamento á sociedade mariñá para que se sume á manifestación baixo o lema "Pola Resurrección da nosa Sanidade", que terá lugar o vindeiro domingo 23 de marzo, saíndo da Cruz Vermella de Viveiro e rematando diante do Centro de Saúde de Viveiro, onde se dará lectura a un manifesto. "É moi importante acudir e participar nesta mobilización porque só se moven cando as e os veciños lles plantan cara, máis non poden xa maquillar máis a realidade", conclúen desde o colectivo.

⚙ Configurar cookies
0.046236038208008