A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha nova concentración en Viveiro pola falta de persoal

AMariñaXa
O colectivo traslada a protesta á Praza do Concello e recollerá sinaturas contra a perda de servizos
Plataforma-Sanitaria-da-Mariña-manifestación
28 Sep 2025

A Plataforma Sanitaria en Defensa da Sanidade Pública da Mariña vén de anunciar a súa concentración quincenal para o xoves 2 de outubro ás 11:30 horas, nesta ocasión na Praza do Concello de Viveiro. A decisión de mudar a ubicación responde, segundo explican, ao desexo de situar a protesta no “auténtico centro de encontro da sociedade viveirense”.

Coincidindo coa mobilización, instalarase unha mesa de recollida de sinaturas dirixida ao conselleiro de Sanidade. A campaña, iniciada en setembro, xa obtivo unha ampla resposta cidadá, tanto en Viveiro coma nas localidades próximas, ao reclamar solucións á falla de médicos de familia e de pediatras. “O responsable último desta situación é o conselleiro e o goberno do PP, que permiten que se deterioren os servizos sanitarios”, denuncian desde a plataforma.

Samuel Bouza, voceiro do colectivo, advertiu de que “o déficit de profesionais en Viveiro non é só un problema local, senón que afecta tamén a Ourol e ao Vicedo, que carecen de medios suficientes”. Lembrou que no caso do Vicedo levan case dous anos mobilizándose cada mes porque é Viveiro quen ten que asumir a sobrecarga cando faltan médicos para atender as urxencias.

Pola súa banda, Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria da Mariña, fixo un chamamento á veciñanza a participar na concentración e a asinar as reclamacións. “Estamos diante da destrución da atención básica, que pon en risco a saúde e mesmo a vida das persoas. Cando non hai cadro médico completo, a asistencia non está garantida, como se viu este verán en Xove”, advertiu.

⚙ Configurar cookies
0.080578088760376