A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha manifestación en Viveiro o 23 de marzo

A Plataforma Sanitaria da Mariña ven de presentar hoxe en rolda de prensa a manifestación que terá lugar o próximo mes de marzo, o domingo 23 ás 12.00 horas, que sairá da Cruz Vermella e tras atravesar a Ponte da Misericordia , terá remate diante do Centro de Saúde, onde se dará lectura a un manifesto.
Á rolda de prensa asistiron representantes dos colectivos que fan parte da plataforma e a portavoz da mesma, Montse Porteiro recordou a situación que se está a vivir nos centros de saúde en xeral, máis afirmando que nestes momentos a zona occidental da Mariña é o punto con máis déficits na atención sanitaria pola falta de persoal . De igual xeito fixo fincapé na situación de colapso que está a sufrir o hospital da Mariña, con serios déficits de profesionais de múltiples especialidades como cardioloxía , medicina interna, dixestivo ou uroloxía , entre outras, e que fan que as derivacións cara a Lugo sexan masivas nestes momentos. Estes son “os máis e mellores servizos dos que falaba Balseiro, burlándose das e dos mariñaos”.
Viveiro abandonado pola Xunta nestes momentos.
Porteiro fixo especial fincapé na situación do centro de saúde de Viveiro, a vila máis grande da Mariña, abandonada pola Xunta nun tema tan importante como a sanidade, ao permitir que un centro onde existe unha dotación de once médicos de familia leve anos sen estar cuberto na súa totalidade e que en ocasións atopemos que unicamente está o cincuenta por cen do cadro de persoal ou menos. Deuse o caso máis dunha vez “de un/ha soa médica no centro, co que solo podía atender as urxencias e as persoas que tiñan citas concertadas quedaron sen poder ser atendidas, algo que entra en conflito cos principios da Atención Primaria”. Respecto ao servizo de pediatría a portavoz do colectivo lembra que continúa a día de hoxe ao cincuenta por cen, máis asegura “ que as dúas concentracións máis multitudinarias do país demandando pediatras fixéronse en Viveiro,e provocaron a cobertura dunha praza por parte do Sergas “.
Chamamento a toda a sociedade mariñá.
Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña facemos un chamamento ao tecido asociativo cultural, deportivo, ao comercio, ao tecido empresarial , ao ensino , aos sectores produtivos como a pesca , o agro e forestal, ás asociacións de pais e nais, ao persoal da sanidade, aos gobernantes da cidade e das localidades, a toda a sociedade mariñá a que acudan a esta manifestación que encherá as rúas de Viveiro para facerlle saber ao goberno da Xunta e ao Sergas que seguimos a loitar por unha sanidade de calidade, digna, de proximidade, gratuíta, integral e integradora e que a Mariña non se rende, como xa deberan saber.
Actos informativos previos á mobilización.
O colectivo sanitario tamén anunciou que previamente á manifestación realizarán actos informativos en diversos formatos noutras localidades sobre a situación da sanidade na comarca, actos nos que se está a traballar e que en breve serán anunciados.