A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca unha concentración diante do Centro de Saúde de Ourol

AMariñaXa
A concentración terá lugar o domingo 12 de xaneiro e con ela denunciarase a grave situación que atravesa o servizo sanitario na localidade
Plataforma-Sanitaria-da-Mariña-manifestación
7 Jan 2025

A Plataforma Sanitaria da Mariña e o Concello de Ourol convocan unha concentración diante do Centro de Saúde de Ourol o próximo domingo, 12 de xaneiro, ás 12.00 horas, para denunciar a grave situación que atravesa o servizo sanitario na localidade. Desde a ausencia do facultativo titular, a cobertura médica está limitada a determinados días, o que resulta claramente insuficiente e non garante unha atención sanitaria adecuada á veciñanza.

Esta problemática non é nova. A falta de facultativos ocorre desde hai tempo: cada vez que o médico titular se ausenta por vacacións, permisos ou baixas médicas, o Sergas opta por non substituílo de forma continuada, enviando profesionais só algúns días da semana durante unhas horas. Nos días sen substituto, os veciños e veciñas de Ourol son derivados ao centro de cabeceira en Viveiro, o que supón importantes prexuízos para unha poboación envellecida e dispersa que, en moitos casos, carece de medios propios para realizar desprazamentos a un centro afastado.

A situación agravouse neste mes de xaneiro, cando a ausencia do médico titular será cuberta tan só cinco ou seis días, deixando á poboación de Ourol sen asistencia sanitaria os demais días. O Sergas decidiu derivar os pacientes ao centro de saúde de Muras, obrigando á veciñanza a desprazarse aínda máis lonxe e sobresaturando un centro que xa conta con recursos limitados e tamén sofre a falta de persoal.

A Plataforma Sanitaria fai un chamamento á veciñanza de Ourol e a toda a comarca da Mariña para que participen na concentración, defendendo unha sanidade pública que está sendo progresivamente deteriorada. Denuncian que os responsables políticos da Xunta de Galicia, da Consellería de Sanidade e do Sergas non toman medidas para frear este retroceso, o que afecta directamente á calidade da atención, afastándoa da poboación e degradándoa.

Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma Sanitaria, subliña que este desmantelamento da Atención Primaria e hospitalaria responde a unha estratexia planificada para deteriorar a sanidade pública en favor da privatización. "A situación acelerouse na nosa comarca trala supresión da Área Sanitaria, e estamos sufrindo nas nosas propias carnes a falsidade das bondades da área única que tanto defenderon os cargos políticos do Partido Popular na Mariña, en lugar de preservar a continuidade da nosa área sanitaria", afirma Porteiro.

0.079908847808838