A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca novamente unha concentración
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca novamente unha concentración baixo o lema xenérico “contra o desmantelamento da atención primaria”. Desta volta desplazaranse ata o centro de saúde de Ribadeo ás 19.00 horas. "Daremos así continuidade ás mobilizacións que vimos facendo na comarca desde o pasado mes de xuño", di Montse Porteiro voceira da Plataforma Sanitaria.
Nesta ocasión, "a maiores dos problemas comúns que afectan á Atención Primaria da comarca e do país, e que inciden directamente nunha merma na calidade asistencial, detectamos a eliminación parcial da facultativa que atende a quenda de tarde. Esta quenda, cun cupo aproximado dun milleiro de pacientes, está actualmente atendido pola profesional durante dous días á semana, pasando a reforzar a quenda de mañá o resto dos días. É o que o Sergas ven chamando quenda deslizante, dado que a profesional percorre todos os turnos, máis desde este colectivo cremos que a implantación desta modalidade de atención sanitaria sólo é factible “ se están cubertos todas os días da semana en quenda de tarde , ofertando ás e aos pacientes servicio médico todos os días ”, comentan desde o colectivo.
Ausencia de profesionais sanitarios
A este problema coa facultativa de tarde súmase a falta de substitución do persoal médico en vacacións ou a ausencia de persoal sanitario para atender ás persosa desplazadas, nunha localidade que cuadriplica a súa poboación e que é susceptible de enfermar aínda que esté desfrutando de vacacións . "Estase a sobrecargar a un persoal que xa non pode máis despois dun ano e pico de dar o mellor de si mesmas para tentar combatir a pandemia, e que o Sergas non fai máis que maltratar dándolle despois agasallos ou premios que nos parecen simplemente obscenos . Segundo comenta coordinadora da Plataforma Sanitaria, a decisión do goberno da Xunta de recortar persoal sanitario cargando sobre as costas dos compañeiros o traballo, fai que a calidade asistencial diminúa escandalosamente, ao tempo que a percepción dunha atención incompleta é a tónica xeral que perciben as persoas usuarias”, engaden dende o colectivo.
Desde esta plataforma animan aos veciños a que acudan á concentración, pois a mobilización e a presión social son o único camiño para lograr que o goberno da Xunta recúe nas súas pretensións de desmantelar a xa maltreita atención primaria. Conclúe Montse Porteiro que “o pilar básico da atención sanitaria queda nunha situación de caos que, coma sempre afectará negativamente a veciñas e veciños”.