A Plataforma Sanitaria da Mariña convoca á cidadanía a defender a sanidade pública en Compostela

AMariñaXa
A manifestación, baixo o lema “Máis Sanidade Pública”, celebrarase o domingo 1 de febreiro entre a Alameda e a Praza do Obradoiro
Barreiros-PRESENTACIoN-MANIFESTACIoN-sanitaria-1F2026
21 Jan 2026

O centro de saúde de Barreiros serviu como escenario para a presentación pública da manifestación en defensa da sanidade pública que terá lugar o vindeiro domingo 1 de febreiro, con saída ás 12.00 horas da Alameda de Compostela e final na Praza do Obradoiro. A convocatoria está impulsada pola Plataforma Sanitaria da Mariña, integrada en SOS Sanidade Pública, que agrupa ás plataformas sanitarias de toda Galicia.

Baixo o lema “Máis Sanidade Pública”, o colectivo fai un chamamento á mobilización cidadá para defender o dereito á saúde e frear o que consideran un proceso acelerado de deterioro e privatización do sistema sanitario público galego. A plataforma advirte de que a situación actual require unha resposta contundente por parte da sociedade, ante a perda progresiva de servizos e recursos.

Durante a comparecencia, Carlos Fernández Fraga, médico xubilado de Atención Primaria e membro da plataforma, lembrou que “levamos máis de dezaseis anos asistindo a un esmorecemento paulatino da sanidade pública, que foi avanzando case sen que a poboación fose consciente da magnitude da desfeita”. Segundo explicou, os fondos públicos están a derivarse cada vez máis cara a centros privados, mentres se desmantelan servizos públicos e miles de pacientes son atendidos lonxe dos seus lugares de residencia.

Fernández Fraga puxo o foco na situación da Atención Primaria, que definiu como a base do sistema sanitario e que, ao seu xuízo, “non está a dar resposta ás necesidades da poboación pola falta de persoal sanitario nos centros de saúde”. Esta carencia, sinalou, tradúcese no colapso dos servizos de urxencias, unha situación que cualificou como “un síntoma claro da crise que atravesa a sanidade pública”. Neste contexto, lembrou tamén a entrega, o pasado 15 de xaneiro, de preto de seis mil sinaturas ao conselleiro de Sanidade reclamando máis médicos de familia e pediatras para A Mariña.

A Plataforma Sanitaria da Mariña anunciou ademais a organización de autobuses para facilitar o desprazamento a Santiago. Segundo explicou a súa coordinadora, Montse Porteiro, habilitaranse servizos desde Viveiro e Ribadeo, nunha primeira fase. As persoas interesadas en reservar praza poden facelo a través dos teléfonos 982 140 654, 982 581 861, 667 052 058 e 629 588 833, mediante chamada ou mensaxe de WhatsApp, sempre coa confirmación posterior por parte da organización. O prazo para anotarse remata o xoves 29 de xaneiro ás 14.00 horas.

Desde o colectivo animan a toda a veciñanza da Mariña a participar activamente na mobilización. “Unha vez máis temos que demostrar que non imos consentir a destrución da sanidade pública e que o pobo mariñao sabe organizarse e loitar cando se atacan os seus dereitos. Temos que volver encher a Praza do Obradoiro”, concluíron.

⚙ Configurar cookies
0.13924288749695