A Plataforma Sanitaria da Mariña continuará coas mobilizacións ata que non sexa efectiva a cobertura de persoal

AMariñaXa
Animan ás veciñas e veciños de Valadouro, así como das poboacións veciñas e da comarca a que acudan o sábado 29 de xuño á concentración no Valadouro
centro-saude-valadouro
27 Xuño 2024

Diante do anuncio de que ía haber dous médicos no Centro de Saúde do Valadouro, un xubilado e un residente de cuarto ano; desde a Plataforma Sanitaria da Mariña queren manifestar que de ser certo sería unha boa noticia para a poboación do Valadouro e para toda a comarca da Mariña. Mais tamén póñeno en corentena debido aos múltiples anuncios que levan facendo en relación á cobertura de profesionais de medicina de familia e mesmo de pediatría.

Sinalan, deste xeito, as situacións que se sucederon en Ribadeo ou como ocorreu o día antes da concentración que xuntou a unhas cincocentas persoas no Valadouro, caendo estes anuncios no máis absoluto esquecemento. Desde o colectivo manifestan que ata que non sexa efectiva esta cobertura de persoal sanitario continuarán coas mobilizacións e denuncias públicas.

Así, esperan catalizar a indignación, a preocupación e o malestar das veciñas e veciños do Valadouro ou de calquera outra localidade, "fartas de anuncios e noticias que logo non pasan de ser mera publicidade". É por isto que animan ás veciñas e veciños de Valadouro, así como das poboacións veciñas e da comarca a que acudan o sábado 29 de xuño á concentración que terá lugar diante do Centro de Saúde do Valadouro ás 12 horas.

0.11037993431091