A plataforma sanitaria convoca unha concentración diante do Centro de Saúde de Viveiro

AMariñaXa
CIG Saúde A Mariña di que actualmente "no Centro de Saúde de Viveiro non hai pediatras tódolos días. Hoxe venres non hai pediatra"
centro saude viveiro
14 Nov 2023

A plataforma sanitaria ven de convocar, xunto co Concello de Viveiro unha concentración diante do Centro de Saúde, en resposta á grave situación que está a sufrir a Atención Primaria na comarca e nomeadamente no Centro de Saúde de Viveiro. "A situación, que podemos cualificar de extremadamente grave, leva xestándose durante anos, máis desde o pasado día 2 de novembro volveuse insostible ao quedar o centro de saúde con dúas facultativas de familia das sete que conforman o cadro de persoal en quenda de mañá. Isto obrigou a anular todas as axendas de atención ordinaria e adicarse unicamente á atención urxente. A mesma situación viviuse na quenda de tarde, cunha única facultativa dos tres que ten que haber", din dende a plataforma, "o resultado desta ausencia do setenta por cento do cadro de persoal facultativo é que centos e centos de pacientes que tiñan unha cita médica quedaron ser poder ser atendidos durante días, e pacientes que tentaban solicitar unha consulta atopábanse con agardas de máis de once días para acceder a unha cita".

Segundo manifesta a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro, “atopámonos diante da destrución do eixo principal da atención sanitaria, o nivel asistencial que afecta practicamente a toda a poboación e por iso debemos unificar esforzos coa poboación e co Concello para tratar de parar esta masiva hemorraxia que, de certo levará á morte dun sistema sanitario público equitativo, próximo e gratuíto”.

Similar situación doutros centros sanitarios dependentes de Viveiro

Unha situación parecida está a acontecer no centro de saúde do Vicedo onde, segundo explica Miriam Bermúdez, tenente de alcaldesa de Viveiro, a falta de facultativos estes días "é substituído parcialmente durante un máximo de catro horas cada día agravando aínda máis a situación e poñendo en risco a saúde das veciñas e veciños. Máis non imos tolerar que se xogue coa saúde das persoas, por iso é primordial a mobilización social”. No centro de saúde de Ourol durante as ausencias do titular non hai ninguén suplíndoo, ”co cal máis dun milleiro de persoas queda sen asistencia médica, o que obriga a desplazarse ata Viveiro, colapsando o PAC e mesmo as urxencias hospitalarias .”

O servizo de pediatría tamén con graves deficiencias

O centro de saúde atópase tamén sen os dous pediatras do cadro de persoal desde hai un ano suplíndose esta eiva con dúas profesionais que se desprazan desde Lugo. Segundo indica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, “están a substituír aos pediatras que faltan con dúas profesionais que se desprazan desde Lugo , máis solo veñen cinco ou seis días ao mes, o que case é o mesmo que dicir que deixaron ás poboacións de Viveiro, o Vicedo e Ourol sen pediatras. Non podemos consentir este ataque á sanidade pública e á atención das nosas crianzas e por iso imos concentrarnos de novo, como hai un ano e a mobilización será igual de multitudinaria”.

Desde a Plataforma sanitaria e o Concello de Viveiro facemos un chamamento a toda a poboación para que acuda á concentración que baixo o lema “Paremos a destrución da Atención Primaria”, encherá a rúa diante do centro de saúde o vindeiro domingo 19 de novembro ás 11.30 .

https://galiciaxa.com/2023/11/amxa/zonas-amxa/viveiro-amxa/237483/

0.19724416732788