A Plataforma Sanitaria alerta dunha “catástrofe sanitaria” en Cervo pola falta de médico de familia

O consultorio de Cervo vive estes días unha situación límite. Dende o pasado 15 de xullo, o centro sanitario carece de médico de familia debido á renuncia do profesional que viña prestando servizo. Esta vacante, que continúa sen cubrir, provocou que durante os últimos días só unha doutora estivera a atender a unha poboación que supera os catro mil habitantes, cifra que se ve amplificada coa chegada de veraneantes e residentes non empadroados.
Ante esta situación, a Plataforma Sanitaria da Mariña convocou este mércores unha concentración á que acudiron unhas trescentas persoas, reclamando asistencia médica completa e diaria. “Non se pode permitir que só haxa unha médica para todo un concello no mes de xullo, cando hai unha poboación flotante importante”, denunciaron os convocantes.
Montse Porteiro, coordinadora do colectivo, sinalou que a crise sanitaria en Cervo non é nova, pero si especialmente grave nesta ocasión. “Hai tempo que deixamos de ter unha sanidade garantida: para unha consulta ordinaria tes que esperar máis de 48 horas, e para unha urxencia, máis de 24. Isto é inaceptable”, explicou.
A responsable da plataforma cualificou a situación como “unha auténtica catástrofe sanitaria” e reclamou solucións inmediatas. “Exiximos que se restableza a atención sanitaria no consultorio de Cervo sen máis demoras. E pedímoslle á alcaldesa que se poña do lado da veciñanza e non do discurso que nos venden o conselleiro e o xerente da área sanitaria”, engadiu.
Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña advirten que continuarán coas protestas alí onde detecten fallos ou deficiencias na atención primaria. “Non imos calar mentres se vulnera o dereito á saúde na nosa comarca”, concluíron.