A Plataforma Sanitaria alerta do colapso da atención primaria na Mariña

A Plataforma Sanitaria da Mariña vén de denunciar a grave situación asistencial que atravesan a maioría dos centros de saúde da comarca, nos que apenas se están cubrindo as ausencias por vacacións, baixas ou xubilacións tanto en medicina como en enfermaría. Esta falta de substitucións está a provocar sobrecarga asistencial, axendas desbordadas e unha atención deteriorada que afecta tanto á poboación residente como aos milleiros de desprazados que chegan no verán.
A situación, sinalan, é especialmente crítica en Xove, onde durante o mes de agosto non haberá ningún médico no centro; en Cervo, que queda con só unha facultativa para máis de 4.000 persoas; e en Ribadeo, con tres xubilacións sen cubrir e atención médica intermitente. En Viveiro, a situación agrávase coa chegada do verán: a xerencia decidiu pechar quendas de tarde e agrupar todo o persoal pola mañá, o que tampouco garante cobertura suficiente.
A Plataforma convoca unha nova concentración este xoves 7 de agosto ás 11:30 h diante do centro de saúde de Viveiro, como parte das mobilizacións quincenais que se celebran desde hai meses. Aseguran que a falta de persoal é xa insostible e que se está a deteriorar a saúde física e mental dos profesionais. Reclaman a cobertura estable das 11 prazas de medicina de familia e 2 de pediatría que lle corresponden a Viveiro, e chaman á veciñanza de toda a comarca a participar na protesta para defender a sanidade pública.