A Plataforma Sanitaria alega que no hospital burelés queda un único cardiólogo

AMariñaXa
A Plataforma Sanitaria da Mariña  di que no servizo de cardioloxía falta desde fai uns quince días, a segunda das cardiólogas da plantilla
hospital costa burela
4 Feb 2021

A Plataforma Sanitaria da Mariña  foi coñecedora nestes días "da situación caótica" na que se atopa o servizo de cardioloxía ao faltar , desde fai uns quince días, a segunda das cardiólogas que forma parte da plantilla do servizo, e ficar o mesmo cun só profesional . Deste xeito, aseguran que o único cardiólogo que atende nestes momentos unha poboación de setenta mil habitantes está a atender solamente urxencias.

No pasado mes de novembro este colectivo xa denunciara públicamente a falta dun dos tres profesionais que forman o cadro facultativo do servizo , por mor dunha excedencia, quedando a comarca moi deficitaria nesta prestación, básica e cunha alta incidencia e prevalencia , tanto de patoloxía  que require seguimento , coma de eventos urxentes que fan perigar a vida das persoas.

"Desde a Plataforma Sanitaria da Mariña esiximos á xerencia que se repoña e restableza o servizo de cardioloxía, polo menos ao seu nivel previo a setembro de 2020, un nivel que xa era precario e que xa foi denunciado aos medios, máis nestes momentos a situación é crítica e precisa que se tomen medidas urxentes sen máis dilación", denuncia a coordinadora da plataforma.

Tamén queren lembrarlle ao Sergas e ao goberno da Xunta que "situacións coma esta veñen  facéndose públicas desde hai anos, e mesmo queremos destacar a cantidade de falacias que obtivemos por respostas, chegando a declarar que en caso de ser necesario virían especialistas do Hula a traballar ao hospital da Mariña. Nada máis lonxe da realidade, cando comprobamos que están a deixar un deserto un servizo esencial e prioritario, mesmo sabendo que no HULA existe una plantilla de máis de vinte profesionais", conclúen.

0.11067509651184