A Plataforma Sanitaria A Mariña convoca unha nova concentración en defensa da sanidade pública

AMariñaXa
Será o luns 13 de abril diante do Centro de Saúde de Viveiro
manifestacion sanidade viveiro 2026
7 Apr 2026

A Plataforma Sanitaria A Mariña súmase ás concentracións simultáneas convocadas en varios puntos de Galicia por SOS Sanidade Pública, que se desenvolverán o vindeiro luns 13 de abril, coincidindo co Día Mundial da Atención Primaria.

Así, Viveiro volverá saír á rúa para defender a sanidade pública, nunha mobilización que terá lugar ás 11:30 horas fronte ao Centro de Saúde. O lugar, sinalan desde a plataforma, non foi escollido ao azar. Segundo explican, este centro sanitario segue a ser o que máis problemas de atención acumula de xeito crónico e, din, leva desde 2020 cunha pediatra das dúas que deberían estar en plantilla e “demasiado tempo cun número de médicos de familia que no mellor dos casos escasamente chega ao 50% da súa dotación”. Unhas cifras que cualifican de “escandalosas” e que “fan que Viveiro e a súa área de influencia sexan un dos puntos negros da sanidade pública do país, con datos constatados de ata trinta e seis días de agarda para unha cita co médico de familia”.

A situación, denuncian, deriva en que as agardas neste centro sobrepasen o tempo máximo de espera para unha consulta ordinaria en atención primaria, o que, din, “provocan non só o aumento de agravamentos de enfermidades pola falta de seguimento, senón tamén outros efectos negativos sobre a sanidade pública coma o colapso do seguinte nivel asistencial e sobrecargas en todo o persoal da sanidade pública, chegando a producirse problemas de saúde tamén nas persoas que traballan nos centros de saúde”.

Desde a Plataforma Sanitaria A Mariña chaman a toda a veciñanza da comarca a que acuda a esta concentración en defensa da Atención Primaria, coa que buscan esixir á Xunta e á Consellería de Sanidade unha “atención sanitaria de calidade, de proximidade, equitativa e digna”.

“Non podemos seguir a tolerar este deserto constante de profesionais na Atención Primaria que impide desenvolver as accións preventivas e comunitarias propias deste nivel asistencial, alonga a espera das persoas para recibir atención e mesmo causa frustración e enferma ao persoal que tenta dar a mellor atención posible ás persoas sen medios humanos”, conclúe a coordinadora do colectivo sanitario, Montse Porteiro.

0.11704182624817