A Plataforma Queremos Galego da Mariña reivindica novas medidas para revitalizar o uso do galego na comarca

A Plataforma Queremos Galego da Mariña celebrou este xoves un encontro no salón de actos do Cenima de Foz para avaliar o desenvolvemento do proceso Lingua Vital, unha iniciativa que está a percorrer todo o país co obxectivo de recoller propostas e impulsar accións que fortalezan o uso social do galego.
Durante os meses de outubro e novembro tiveron lugar reunións nas diferentes comarcas galegas, nas que colectivos e persoas a título individual achegaron ideas para frear o deterioro do idioma. Desde a plataforma lembran que os últimos estudos alertan dunha situación crítica, cun descenso constante de falantes que “esixe medidas firmes e inmediatas para evitar un futuro sen galego”.
Queremos Galego, creada para artellar unha resposta cidadá ampla en defensa da lingua, lembrou que a súa misión é tanto reivindicativa como propositiva: defender o uso público do galego, promover a súa normalización e canalizar a preocupación existente ante “a falta de impulso e a apatía do actual Goberno galego”.
No plenario analizáronse tamén os apartados da enquisa do proceso Lingua Vital, dispoñible na web da plataforma, na que se avalía o grao de cumprimento das accións recollidas no Plan de Normalización Lingüística de 2004. O colectivo mariñán anima a toda a veciñanza a cubrila, tanto de maneira individual como a través das asociacións.
Ademais, a plataforma apostou por recuperar iniciativas en positivo que devolvan á sociedade o orgullo de usar o galego en todos os eidos: laboral, administrativo, social e persoal. Recordaron que, igual que en etapas históricas de forte represión lingüística, o idioma foi un símbolo de identidade e resistencia, tamén hoxe debe converterse nun motor de cohesión e ilusión.
Finalmente, Queremos Galego da Mariña avanzou que xa está a traballar no deseño de novas actividades para os vindeiros meses, asumindo os grandes retos que teñen por diante: o relevo xeracional, a integración lingüística da poboación inmigrante e a necesidade de medidas estratéxicas para revitalizar o uso social do galego na comarca.