A Plataforma presenta 4.430 firmas e 160 alegacións en contra a central hidroeléctrica do Xistral

AMariñaXa
A Plataforma de Veciños presenta 4.430 firmas e 160 alegacións en contra a central hidroeléctrica do Xistral
Plataforma afectados macrocentral 1
10 Mar 2022

Dende a plataforma queren agradecer tamén ós diferentes colectivos e asociacións que  mostraron o seu apoio presentando escritos contra o anteproxecto.

A Plataforma de Veciños Afectados pola Macrocentral Hidroeléctrica do Xistral, vén de presentar  ante o Ministerio 4.430 firmas recollidas en contra da central hidroeléctrica reversible do Xistral. 

Así mesmo, a Plataforma neste período de consultas que rematou onte, 9 de marzo, no que particulares e demáis colectivos podían mostrar o seu rexeitamento a esta obra, axudou a presentar  160 alegacións contra o anteproxecto da central. 

Dende a Plataforma temos constancia de máis alegacións presentadas por fóra da mesma, tanto a  título persoal como por diversos colectivos e asociacións, pero descoñecemos o número exacto delas. 

"Recordamos que os órganos consultados tiñan un prazo de 20 días hábiles dende que recibiron a  consulta, polo tanto, para eles o prazo xa rematou fai varios días, non dispoñemos de información de  se todos os consultados emitiron informes", din dende a Plataforma. 

Referente a polémica xurdida en canto a prazos para alegar, a intención da Plataforma "nunca foi de crear crispación nin malestar na veciñanza, simplemente nos dedicamos a informar dos plazos  segundo marca a lei nestes casos".  

A valoración desta etapa que rematan hoxe "é moi positiva", e agardan que "todo este esforzo que se fixo en tan pouco tempo teña a súa recompensa axiña". 

O representante de Desarollos Del Malache, S.L.U., Pedro Machín, manifestou que non seguirían adiante co anteproxecto se había oposición veciñal, polo tanto, "entendemos que queda demostrado  que non queremos nin este, nin outro anteproxecto que veña a interrompir as vidas e o traballo dos  nosos veciños, e así agardamos que lle chegue á empresa promotora. O positivo que poidera traer,  non compensa o negativo, e dende a Plataforma tivémolo moi claro dende un primeiro momento  con un dos nosos lemas Renovables SI pero NON así", din dede o colectivo. 

Para o vindeiro domingo, día 13, hai convocada unha manifestación de repulsa contra o anteproxecto presentado, para que quede claro que non o queremos no noso Val. 

A manifestación discorrerá entre os lugares onde irían instaladas as balsas superior en Vilacampa e a  inferior en Recaré, con fin de dar a coñecer a magnitude do anteproxecto á veciñanza. Ó remate da mesma, na igrexa de Recaré, procederáse á lectura dun manifesto e daráse por  finalizado o acto.

Dende a plataforma queren agradecer tamén ós diferentes colectivos e asociacións que  mostraron o seu apoio presentando escritos contra o anteproxecto ou adheríndose á Plataforma.

Asociación de veciños de Recaré, Asociación de veciños Pena Abaladoira do Pereiro, C.M.V.M.C  Guilifonso e Cabalar do Pereiro, C.M.C.M.C de Vilacampa, C.M.V.M.C Xestaca e Granda Vella de  Santo Tomé, C.M.V.M.C do Cadramón, C.M.V.M.C de Miñotos, Seminario de Estudos do Valadouro,  Asociación de veciños de Fazouro, Asociación de veciños de San Vicente de Lagoa, ANPA CEIP Castro  de Ouro de Alfoz, Asociación de Sendeirismo Paso Miúdo, Asociación de veciños de San Pedro de  Mor e Asociación Rebinxe. 

Na seguinte fase que comeza agora, "agardamos poder dispoñer da información de todos os informes  presentados, e mentras tanto seguiremos traballando e informando á veciñanza dos pasos a seguir", din. 

0.15190005302429