A plataforma pola suba de tarifas da residencia de Foz, crítica coa data do pleno

Foz
AMariñaXa
Aseguran que a data do pleno elixida "é un acto de infamia que denigra aos residentes e usuarios e aos seus familiares nos días da festa”
maiores-residencia-coidado-saf
Imaxe recurso
12 Xul 2024

A plataforma de afectados pola suba abusiva das tarifas da Residencia e Centro de Día de Foz considera que a convocatoria por parte alcalde “dun pleno extraordinario para aprobar as novas tarifas en plenas festas do Carme, en concreto o luns 15 véspera do día grande e ás 14.30 horas coincidindo coas actuacións da sesión vermú, é un acto de infamia que denigra aos residentes e usuarios e aos seus familiares nos días da festa”.

Aseguran que xusto cando todas as familias de Foz están relaxadas “participando nos actos festivos e algunhas preparando o día grande para que os seus seres queridos poidan baixar dende a residencia a ver as alfombras e acudir aos seus domicilios á comida da festa”, o alcalde, “con total alevosía, convoca este pleno para novamente intentar impoñer unha suba que se nega a consensuar cos afectados”. Dende logo, “non lembramos cousa igual na historia recente do noso Concello. Estamos abraiados e pensamos que a súa actitude é impropia dun alcalde, e parece que, como estamos en festa, se quere rir dos residentes, dos usuarios do Centro de Día e das familias da lista de agarda”.

Neste sentido, consideran que se trata dunha “burla que atenta contra a dignidade de persoas, agora anciáns, que forman parte da xeración que traballou arreo para facer posible a sociedade na que hoxe vivimos”.  Dende o momento en que o Tribunal de Contratos da Xunta anulou a contratación da nova empresa, o alcalde, “no canto de reunirse con nós e buscar un acordo satisfactorio para ambas as dúas partes, dedicouse a preparar nun tempo récord e incluso anticipándose a resolución do tribunal un atropelo tarifario e o que é máis grave: pola “porta de atrás” empregando as festas do Carme como parapeto”.

Acúsano de “instrumentalizar a favor dos seus intereses” as festas máis celebradas no concello. De todos xeitos, aseguran que deixarán a festa e alí estarán “para expresarlle o noso desacordo con este cúmulo de despropósitos e amosarlle que os nosos seres queridos teñen dignidade e que non imos permitir que o ritual festivo das alfombras sexa un día triste para eles”. sosteñen que o mellor que pode facer o alcalde é “atender a nosa petición de deixar o asunto pendente para negocialo tal e como lles demandamos a todos os grupos políticos e a Concellala de Asuntos Sociais, pois en caso contrario estaranos empurrando a unha rúa  sen saída que lle pode rebentar cando os afectados non poidan asinar os contratos coa nova empresa por abusivos”.

0.13769483566284