A Plataforma pola Defensa das nosas Arbores critica a construción do novo Centro de Saúde de Ribadeo

AMariñaXa
Denuncian que o Concello pretende pechar o actual e levar o servizo a un quilómetro do casco urbano
Ribadeo-terreo-centro-de-saude-2025
Terreo para o novo Centro de Saúde de Ribadeo
5 Aug 2025

O pasado día 29 de xullo o Concello de Ribadeo tomou posesión dos terreos adquiridos enfronte da Estación de Servizo para construír un novo Centro de Saúde. Dende a Plataforma pola Defensa das nosas Arbores denuncian que con esta actuación dáse “un paso máis para levar adiante o demencial proxecto de pechar o actual centro, situado no medio do casco urbano e levar este servizo a un quilómetro, cos graves atrancos que ten pola longa distancia, as rotondas, o mal estado das vías e outras deficiencias”.

Lembran que xa o pasado 30 xullo fixeron un reconto dos vehículos que pasan por esa zona e advirten de que, ás 12:00 horas da mañá, chegaron aos 24 por minuto, polo que alertan das consecuencias que tería “engadir outros 400 ou 500 vehículos entrando e saíndo todas as mañás dos días de diario”. Por iso, o colectivo repartiu no mercado e na vila unhas mil follas informativas sobre esta cuestión, comprobando “o pouco informados que están os veciños”.

Ademais, denuncian que os informes económicos, tanto da Intervención do Concello de Ribadeo, como da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia ao cumprirse dous anos de este goberno municipal, revelan que a situación económica está marcada polo que consideran “unha xestión moi deficiente, con unha débeda que excede en gran medida a capacidade do Concello” e que “incumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria polo que debe adoptar medidas en relación ca non dispoñibilidade do fondo de continxencia”, segundo Facenda, e que “existe unha débeda comercial pendente de tramitación por un importe de 952.791,76 euros, o cal non conta con crédito adecuado e suficiente”, segundo o informe técnico do servizo de Intervención do propio Concello.

Advirten de que todo isto demostraría que a situación económica é “verdadeiramente caótica” e que o Concello “está levando uns gastos desproporcionados e descontrolados e aínda pretende mercar uns terreos para construír un novo centro de saúde”, que consideran “absolutamente innecesario”.

⚙ Configurar cookies
0.18154406547546