A Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores alerta dun risco eléctrico no quiosco da música de Ribadeo

AMariñaXa
O colectivo denuncia que a instalación permanece accesible tres días despois de advertir da incidencia á Policía Local
Viveiro-Plataforma-defensa-arbores-quiosko-musica-mal-estado-2026
27 Feb 2026

A Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores de Ribadeo fixo público un aviso sobre unha situación de perigo detectada no quiosco da música da vila, onde parte dunha instalación eléctrica quedou ao alcance de calquera persoa debido á apertura dun pequeno portelo na base da estrutura.

Segundo explican desde o colectivo, o pasado martes 24 de febreiro, arredor das 13.00 horas, un dos seus integrantes observou como tres nenos estaban agachados xunto á trampilla aberta e a piques de manipular cables e compoñentes eléctricos que, ao parecer, forman parte do sistema de iluminación do espazo. A proximidade dos menores a elementos con cableado á vista fixo saltar todas as alarmas.

De inmediato, a persoa que presenciou a escena advertiu ás familias presentes para que extremasen a vixilancia, procedeu a pechar a portiña e puxo os feitos en coñecemento da Policía Local. Sempre segundo a plataforma, desde o corpo municipal indicouse que se tomaría nota da incidencia e se trasladaría aos servizos correspondentes.

Con todo, este venres 27 de febreiro pola mañá, membros da entidade regresaron ao lugar para comprobar se a deficiencia fora solucionada. Aseguran que a portela continúa pechada pero sen chave, o que permite abrila con facilidade e acceder novamente á instalación eléctrica. A situación resulta, ao seu xuízo, especialmente preocupante tendo en conta as condicións meteorolóxicas dos últimos días, con chuvia e humidade no chan, factores que poderían incrementar o risco.

Desde a Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores sinalan que non pretenden xerar polémica, senón chamar a atención sobre un problema que consideran urxente resolver para evitar posibles accidentes, especialmente entre a poboación infantil que frecuenta a zona.

0.12384486198425