A Plataforma para a Defensa das Árbores de Ribadeo prepara unha recollida de sinaturas
O próximo domingo, día 12 de xaneiro, ás 12.00 horas a Plataforma para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello de Ribadeo colocará unha mesa informativa e para a recollida de sinaturas na esquina da praza de España con Catro Calles.
"No escrito que presentaremos no Concello de Ribadeo transmitirémoslle ao Concello o noso rexeitamento polas recentes talas de árbores, tanto no Colexio Público como en outros puntos do Concello que consideramos inxustificadas e arbitrarias e o noso temor de que se sigan producindo no sucesivo en outras zonas", din desde a Plataforma.
"Dende o noso punto de vista as árbores son absolutamente necesarias nos espazos urbanos para manter un ambiente saudable e de relación ca natureza ademais das súas funcións amplamente coñecidas de depuración do aire degradado polo tráfico rodado e diversas actividades, ademais de mitigar os efectos do cambio climático e outros condicionantes naturais", engaden desde o colectivo ribadense.
"Pola outra banda o impacto educativo da súa presencia, nunha sociedade atenazada polo uso especulativo do solo non deixa de ser outro motivo de peso para loitar por un urbanismo compatible ca maior proximidade posible ca vida natural", sinalan.
Así, desde a Plataforma para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello de Ribadeo desexan transmitirlle ás próximas xeracións "un Ribadeo máis cordial e máis humano, onde a convivencia e a concordia nas rúas e nos lugares públicos se vexan favorecidas por espazos amplos e verdes nos que se sinta latexar a natureza en perfecta simbiose ca vida humana e agardamos que se existe algún proxecto de derrubar mais árbores se tomen en consideración este tipo de argumentos e se formule o obxectivo de repoñer as árbores cortadas cas variedades axeitadas a cada zona".