A Plataforma Eólicos na Mariña di que os polígonos eólicos "están fora do plan sectorial eólico de Galicia"
Os pasados días 7, 8, e 9 de decembro publicáronse no BOE as resolución do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Miteco, nas que se formula a declaración de impacto ambiental dos Polígonos Eólicos Ventisca, Boura, Monzón, Borrasca e Levante e as súas infraestruturas de evacuación.
Estes polígonos industriais eólicos, afectarán aos seguintes municipios da provincia de Lugo: As Nogáis, Becerreá, Triacastela, Baralla, Baleira, Pol, Ribeira de Piquín, Meira, A Pastoriza, Abadín, Mondoñedo, Lourenzá, Foz, Alfoz, Cervo e Xove. Todos eles foron promovidos por sociedades unipersoais do Grupo Greenalia.
"Esta avaliación ambiental do Miteco é positiva aínda que esixe cambios na maioría dos muíños no caso do polígono Borrasca", din desde as plataformas Eólicos na Mariña. Así non, e Alto Miño. Eólica Así Non.
"Sorprende que, nas propias resolucións do Miteco, se indique, que a avaliación de impacto ambiental está realizada sobre a documentación presentada polo promotor. Esta documentación non aporta ningún traballo de campo detallado senón que se limita a fórmulas estereotipadas. Sorprende tamén a desidia de moitos concellos afectados polos proxectos que ao seren consultados, nin sequera se molestaron en dar unha contestación, foron máis da metade nalgúns dos casos", engaden.
Trátase duns polígonos eólicos que "están fora do plan sectorial eólico de Galicia, é dicir, en áreas nas que non está permitida a construción destas infraestruturas", sinalas as plataformas, "este é o motivo polo que a empresa promotora paralizou en xullo do 2022 os trámites xa iniciados á espera de que a Xunta de Galicia lle concederá a excepcionalidade “por tratarse de proxectos con clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social, e por ter unha función vertebradora do territorio”. Esta excepcionalidade baséase ao parecer nuns supostos contratos para abastecer de enerxía barata á fábrica de Alcoa de San Cibrao".
Desde as Plataformas asinantes queren destacar que os estudos de impacto ambiental son "claramente insuficientes e sesgados, xa que están realizados pola propia empresa promotora e avaliados posteriormente polo Miteco sen tempo nin persoal suficiente".
"Estanse valorando como catro, cinco con Levante, polígonos eólicos distintos o que claramente é un único polígono eólico coa súa vía única de evacuación, dándose así unha fragmentación artificial e ilegal dos mesmos", din.
Os prazos e os procesos son cada vez máis rápidos "sen dar ningunha opción de participación ás persoas e comunidades afectadas, vítimas de decisións que teñen máis a ver cós intereses dos grandes grupos industriais que coa situación da xente que vive nas zonas afectadas".
"Estamos a falar dunha grande afectación a zonas rurais con grande potencial agrario e turístico (no caso da costa) que de feito, están a vivir un rexurdimento poboacional, que quedaría, senón truncado, seriamente danado coa instalación destes polígonos", engaden as plataformas medio ambientais.
Dado que o motivo de permitir estes polígonos en zonas fóra do plan sectorial "é o abastecemento de enerxía a Alcoa, hai que dicir que Alcoa está incumprindo sistematicamente todas as promesas feitas tanto aos seus empregados como ás administracións". "A propia Alcoa comunicou en varias ocasións que non ten intención de cumprir cós compromisos de inversión pactados coas administracións públicas e cós traballadores, e non vai retomar a produción de aluminio ao ser inviable por carecer de clientes e ter unhas moi importantes perdas acumuladas que se acrecentarán nos próximos anos. Ao que hai que engadir que chegou ao final da súa vida útil a xigantesca balsa de lodos tóxicos que ocupa 90 hectáreas e que unha hipotética rotura do dique de contención podería provocar unha catástrofe medioambiental de dimensións inimaxinables. Somos moita a xente que estamos a pensar que Alcoa está xogando con nós, para atender en exclusiva os seus millonarios intereses".
Por todos estes motivos as organizacións ambientais, asociacións, veciños afectados, a sociedade civil e os seus servizos xurídicos xa están traballando e mobilizándose para "tentar frear este despropósito que só busca o enriquecemento duns poucos, sen unha auténtica planificación do territorio que permita a coexistencia pacífica das enerxías renovables có respecto á biodiversidade, ao territorio e á poboación, e conte coa participación de todos os afectados."